Baixada dos becerros de recría e carniceiros en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistrou hoxe unha redución dos prezos dos tenreiros, tanto de recría como carniceiros. O porco cebado e os leitóns seguen con subas

Baixada dos becerros de recría e carniceiros en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia – A Banca, en Silleda (Pontevedra) rexistrou esta mañá unha baixada dos prezos dos becerros de recría e dos carniceiros. Mentres, no vacún maior houbo subas nalgunhas categorías. Tamén nas mesas de negociación do porcino a tendencia foi á alza, tanto no porco cebado coma nos leitóns.

No caso dos becerros de recría de raza Frisoa a baixada máis destacada produciuse nos animais máis novos, os de menos de 20 días, cuxo prezo se reduciu en 19 euros para situarse nos 80 euros de media. Nos becerros de entre 21 e 50 días rexistrouse unha mínima variación de 1 euro e pasan a cotizarse a 110 euros. Nos animais de máis de 50 días, a baixada foi de 2 euros e quedan nos 142 euros.

Nas razas de cruces industriais a baixada foi máis acusada en tódalas categorías. Nos animais de menos de 20 días produciuse unha redución de 15 euros e o prezo medio situouse nos 180 euros. No caso dos becerros de entre 21 e 50 días houbo unha baixada de 31 euros e pasan a cotizarse a 234 euros. Para os animais de máis de 50 días a redución do prezo foi de 11 euros e colócanse nos 337 euros de media.

Os becerros carniceiros frisóns rexistraron un prezo medio de 479 euros, logo dunha redución de 177 euros. Nos tenreiros de cruces industriais houbo unha baixada de 51 euros no caso dos machos, que os situou nos 808 euros, mentres que nas femias desta categoría o prezo medio foi de 744 euros, tras un descenso de 24 euros.

No vacún maior, as vacas de primeira categorías rexistraron unha suba de 94 euros, ata acadar un prezo medio de 1.091 euros. Tamén os animais de desvelle incrementaron o seu valor, neste caso a suba foi dun euro ata situarse nos 458 euros. Mentres, o prezo das vacas de segunda categoría reduciuse en 21 euros para quedar nos 687 euros.

Central-Agropecuaria-de-Galicia-vacun-02_06_2020

Subas no porcino

Nas mesas de negociación do porcino acordouse unha suba tanto no porco cebado coma nos leitóns, que tentan recuperarse logo de que o prezo caese durante os últimos meses.

No porco cebado houbo subas en case tódalas categorías. Así, o valor do porco selecto e o normal incrementouse en 0,020 euros e sitúanse a un prezo medio de 1,295 e 1,270 euros respectivamente. Nos animais de Canal II a suba foi de 0,026 euros ata acadar 1,649 euros por quilo. Os porcos de desvelle foron a excepción, e o seu prezo mantívose sen variacións entre os 0,48 e os 0,54 euros por quilo.

A suba dos leitóns foi de 2 euros de modo que os animais procedentes dunha única granxa sitúanse nos 52 euros, mentres que os chegados de diferentes ganderías teñen un valor de 47 euros. O prezo por quilo é de 2,6 e 2,35 euros respectivamente.

Na lonxa de Madrid, esta semana, de novo o prezo do coello mantense sen variacións e cotízase a 1,65 euros o quilo.

Central-Agropecuaria-de-Galicia-porcino-02_06_2020

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información