A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA contou hoxe cunha afluencia de 1.038 animais, dos cales 1.019 foron adxudicados. En canto aos prezos, houbo baixadas en case todas as categorías do vacún maior e becerros carniceiros.
Prezos do gando
A continuación, facemos un repaso polas distintas seccións do gando vacún para coñecer a evolución dos prezos, aínda que fai falta ter en conta que se trata de prezos medios e que o valor dos exemplares estará condicionado tamén por outros factores.
Nos becerros de recría da raza frisoa, os de 15 a 20 días cotizáronse a 155 euros, 6 euros máis que a pasada semana; os de 21 a 50 días a 196 euros, cun incremento de 21 euros, e os de máis de 50 días a 206 euros (+2 euros). En canto aos de cruzamento industrial, os máis novos quedaron cun valor medio de 417 euros (+80 euros), mentres que as femias vendéronse a 302 euros (+26 euros). Os de 21 a 50 días chegaron aos 433 euros (+4 euros) e as femias subiron 34 euros e quedaron en 325 euros de prezo medio. Finalmente, os máis adultos alcanzaron un prezo medio de 635 euros (+4 euros) e as femias de 452 euros (-30 euros).
Nos becerros carniceiros, os machos de cruzamento industrial baixaron 33 euros con respecto á poxa pasada e alcanzaron un valor medio de 1.196 euros; as femias caeron ata os 983 euros (-80). Pola súa banda, os de Rubia Galega vendéronse a 1.298 euros de media os machos, o que supón unha baixada de 5 euros e que as femias incrementaron o seu valor medio en 90 euros, ata os 1.233 euros. Os animais comercializados baixo o selo de Ternera Gallega Suprema baixaron 242 euros e fixan unha media de 1.182 euros por animal.
No vacún maior houbo subida na categoría de desfeito, de 37 euros e cotizáronse a 475 euros. As outras categorías presentaron baixadas, así os da extra quedan nun valor medio de 2.104 euros (-37 euros), os de primeira alcanzaron un valor de 1.138 euros (-41 euros) e os de segunda a 771 euros (-22). Os animais vendidos baixo o selo de Vaca e Boi de Galicia incrementaron o seu valor 64 euros, alcanzando un prezo medio de saída de 1.873 euros.
Mesas de prezos
As mesas de cotizacións do porcino mantéñense igual que a semana pasada. Así, o porco selecto págase a 1,875 euros, normal a 1,85 euros, os de canle II a 2,403 euros e os de desvieje 0,81/0,87 euros.
Nos leitóns, os exemplares chegados dunha única granxa están nos 83 euros (cun prezo de 4,15 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 78 euros e cun prezo por quilo de 3,9 euros; ambos presentan unha baixada de 4 euros.
O mercado do ovo mantense igual que a semana pasada: os da XL cotizáronse a 2,83 e os da L a 2,24, ambos se manteñen igual. Pola súa banda, os da M quedaron en 1,96 e os da S a 1,66 euros, cunha baixada de 0,02.
O prezo do coello mantense igual e está nos 2,2 euros o quilo segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).