A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA rexistrou hoxe o seu récord histórico en volume de transaccións nunha sesión, ao acadar 1.057.423€ e superar así os 977.268€ rexistrados o 21 de xuño de 2022 (nos que se situaba ata hoxe esta marca).
Un récord que é resultado da alta facturación en todas as categorías. Así, en vacún maior, acadou os 641.248€, a cuarta maior da Central, tras recibir ao quinto maior número de exemplares desta categoría, 441 animais. Ademais, en becerros de recría a facturación foi a segunda máis alta na historia do mercado, con 250.347€, e en becerros carniceiros a terceira maior, con 165.828€ tras recibir o cuarto maior número de animais nesta categoría, con 172.
En gran parte este récord explicase porque o vindeiro martes 28 de maio non se celebrará ningún tipo de poxa con motivo da celebración da feira Semana Verde, que se retomarán o martes 4 de xuño, pero só para becerros de recría, de forma que haberá que esperar ata o 11 de xuño para unha volta á normalidade. Estas alteracións provocaron que moitas ganderías decidiran adiantar a hoxe martes o envío de animais a Silleda, unha gran afluencia que en xeral tirou á baixa dos prezos, sobre todo no vacún maior.
A continuación facemos un repaso polas distintas seccións do gando vacún para coñecer a evolución dos prezos, aínda que fai falta ter en conta que se trata de prezos medios e que o valor dos exemplares estará condicionado tamén por outros factores.
Nos becerros de recría da raza frisoa, os de 15 a 20 días cotizáronse a 156 euros, 3 euros máis que a pasada semana; os de 21 a 50 días a 179 euros, baixaron 6 euros, e os de máis de 50 días a 216 euros (+9 euros). En canto aos de cruzamento industrial, os máis novos quedaron cun valor medio de 35 euros (+6 euros); os de 21 a 50 días chegaron aos 433 euros (-24 euros) e os máis adultos alcanzaron un prezo medio de 648 euros (- 84 euros).
Nos becerros carniceiros, os machos de cruzamento industrial subiron 4 euros e alcanzaron un valor medio de 1.080 euros; mentres que as femias revalorizáronse en 34 euros, ata os 1021 euros. Pola súa banda, os de Rubia Galega vendéronse a 1.336 euros de media os machos, o que supón un incremento de 138 euros e as femias subiron 26 euros e alcanzan un valor medio de 1.062 euros. Os animais comercializados baixo o selo de Ternera Gallega Suprema baixaron o seu valor 61 euros, ata conseguir un prezo de referencia de 1.127 euros.
No vacún maior houbo baixada en case todas as categorías, excepto nos da categoría de desvelle, que subiron 110 euros e quedaron nun valor medio de 462euros. Os animais da categoría extra baixaron 11 euros, ata quedar nun prezo medio de 2.116 euros; os de primeira diminuíron o seu valor en 3 euros, ata os 1.147 euros de valor medio, mentres que os de categoría segunda quedaron nos 754 euros (-33). Pola contra, os animais comercializados baixo selo Vaca y Buey de Galicia rexistraron unha gran suba de 353 euros con respecto da semana pasada e pasan a cotizarse de media a 2.554 euros.
Mesas de prezos
As mesas de cotizacións do porcino soben respecto da pasada semana. Así, o porco selecto sobe 0,010 euros e queda nos 1,845 euros; idéntica suba á do normal, que queda en 1,82 euros e o de Canle II sobe 0,013 e sitúase nos 2,364 euros. Os animais de descarte cotízanse entre 0,92 e 0,98 euros o quilo , tras unha suba de 0,02 euros.
.
Nos leitóns houbo unha baixada xeral, os exemplares chegados dunha única granxa están nos 92 euros (cun prezo de 4,6 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 87 euros e cun prezo por quilo de 4,35 euros. En ambos os casos houbo un descenso de 5 euros.
O mercado do ovo mantense sen cambios con respecto á semana pasada: a ducia da XL queda nos 2,83 euros, os ovos seguen nos 2,24 euros e os das categorías M e a S quedan nun valor medio de 2 e 1,70 euros, respectivamente.
O prezo do coello mantense igual, nos 2,20 euros o quilo segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).