A sesión desta semana en Silleda viviu un repunte importante dos becerros carniceiros de cruzamento industrial e na recría da mesma categoría, mentras descendeu o valor medio dos xatos pintos.
A vindeira semana non haberá poxa de recría. Tal e como se vén facendo nos últimos anos na Central Agropecuaria de Galicia de forma consensuada cos principais operadores de becerros de recría deste mercado, suspéndense diversas poxas desta categoría ao longo do ano.
Detrás desta decisión está a celebración da Semana Santa, que de por si xa reducía a asistencia ao mercado debido á proximidade dos días festivos, e a necesidade destes operadores de regularizar os días de compra de gando para mellorar a súa operatividade.
Seguindo este acordo, o vindeiro martes, 31 de marzo, suspéndense as poxas de recría. Si haberá poxas de pasteiros, becerros carniceiros e vacún maior.
Prezos da recría
Na sesión deste martes, houbo unha caída de 20 euros nos xatos pintos de máis de 3 semanas de vida e un repunte nos becerros de cruce industrial, que acadou os 60 euros nos machos cruzados de 21 a 50 días e os 50 euros no caso dos de máis de 50 días.
Nos xatos pasteiros, deuse unha caída de prezos en todas as categorías. Os de cruzamento industrial baixaron 30 euros e os de rubia galega unha media de 80 euros nos machos e de 200 euros nas femias.
Para os becerros carniceiros, os prezos medios da sesión desta semana foron dispares. Por un lado, caeron con forza os machos de raza frisoa e revalorizáronse as femias. Tamén baixou a rubia galega. No lado positivo da balanza, situáronse os machos de cruzamento industrial, que gañaron 200 euros, fronte a unha lixeira baixada das femias.
No vacún maior notouse este martes unha baixada nos prezos medios en comparación coa semana pasada, na que se acadara o máximo histórico da categoría (2.522 euros), motivado en parte pola concorrencia á sesión do martes pasado de animais de gran calidade. Esta semana, as vacas de categoría Extra volveron ao entorno dos 2.500 euros (concretamente cotizaron de media a 2.475 euros), mentres que as de categoría Primeira fixérono a 1.225 euros, cun pequeno repunte sobre os niveis da semana pasada.
No que respecta ás mesas de prezos do resto de especies de gando, o porcino cebado volveu subir esta semana, gañando outros catro céntimos e continuando co camiño de recuperación logo de tocar fondo a finais de 2025, mentras que os bacoriños permaneceron estables esta semana, ao igual que ovos, galiñas e coellos.
Descarga as cotizacións completas desta semana neste enlace.
Galego









Control OJD