Baixada das vacas gordas e suba dos becerros cruzados de máis de 50 días en Silleda

As cotizacións deste martes na Lonxa Agropecuaria de Galicia amosan unha corrección á baixa dos prezos do vacún maior no referente ás vacas da categoría Extra E-U, que se pagaron a 1.729 euros, fronte aos 1.914 euros da sesión anterior. Estas vacas cebadas viñan subindo nas últimas dúas sesións da Feira de Silleda pero sufriron un retroceso no mercado desta semana malia haber menos gando deste tipo. No resto de categorías, os prezos mantivéronse practicamente nos niveis do martes pasado, con lixeiras subas nas vacas de Desfeito (categoría P) e nas de Primeira (R) e un leve descenso nos animais de segunda (categoría O).

Foron as variacións máis destacadas dunha xornada na que tamén repuntaron lixeiramente os becerros carniceiros, tanto o frisón como o cruce industrial, pero no que caeron con forza os 15 machos presentados de raza rubia galega, que se pagaron a 847 euros de media, 160 euros menos que a semana anterior. Por contra, subiron as femias, que se cotizaron a 908 euros, 125 máis que a semana anterior.

En canto á recría, non houbo variacións apreciables no frisón, volveron caer os machos de raza rubia galega e houbo altibaixos nos cruces, onde subiron con forza os machos de máis de 50 días (pagáronse a 90 euros máis que a semana anterior até alcanzar os 341 euros) e baixaron os de menos idade, pagándose a 192 euros de media os de entre 15 e 20 días e a 206 euros os de entre 20 e 50 días. Nas femias, sen embargo, repuntaron os cruces de menos de tres semanas, que practicamente duplicaron o valor con respecto á semana anterior até normalizárense onte en 144 euros por animal.

cotizacions Silleda 15_09_2020

Soben os ovos e o coello

No relativo ás mesas de prezos de porcino, avícola e coello, non houbo variacións de ningún tipo nos porcos, que se seguen pagando a 1,325 euros/quilo na categoría selecta e a 1,3 no cebado normal, así como a 35 euros/animal no caso dos bacoriños de procedencia única.

Os ovos subiron lixeiramente, cinco céntimos tanto os brancos como os mouros de categoría XL e L, pagándose a 1,50 e a 1,10 euros a ducia respectivamente, e alzas de tres e dous céntimos no caso da categoría M e S, que se cotizaron a 0,93 e 0,77 euros. Tamén subiu dez céntimos por quilo o coello, pagándose a 1,85 euros.

Máis información:
Táboa completa das cotizacións da Lonxa de Silleda (15-IX-2020).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información