Baixada da recría e os tenreiros carniceiros en Silleda, nunha xornada de récords absolutos

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra baixadas en boa parte das seccións da recría. Máximos históricos nos tenreiros cebados e no vacún maior. Seguen as subas no porcino

Baixada da recría e os tenreiros carniceiros en Silleda, nunha xornada de récords absolutos

Vista das instalacións da Central Agropecuaria de Galicia. // Imaxe de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca rexistrou este martes unha baixada dos prezos en boa parte da recría e nos becerros de cebo. No vacún maior houbo subas na maioría das categorías. Ademais, durante a xornada deste martes rexistráronse dous récords absolutos, nos becerros carniceiros e no vacún maior.

En canto ás mesas de cotizacións do porcino, continúan as subas dos prezos do porco cebado e os leitóns. O mercado do ovo mantense esta semana sen cambios, logo de varias sesións á alza.

Facemos un repaso detallado polas cotizacións medias das diferentes seccións e categorías do vacún para coñecer a evolución do mercado con respecto da semana pasada. Cómpre ter presente que existen factores condicionantes dos mesmos, como a calidade dos exemplares, que determina o prezo de cada animal.

Na recría frisoa, os animais máis novos foron unha das excepcións da xornada cunha suba de 22 euros, ata acadar un prezo medio de 130 euros. Nos tenreiros de entre 20 a 50 días, a sección máis numerosa, o prezo medio situouse nos 142 euros, é dicir 9 euros menos. Os becerros de máis de 50 días tamén reduciron o seu valor, neste caso en 4 euros, ata os 192 euros.

Nos becerros de recría de cruzamentos industriais, os animais de menos de 20 días experimentaron unha baixada de 48 euros e quedan cun prezo medio de 268 euros. As femias desta sección tiveron unha redución de 2 euros e cotízanse a 253 euros. Nos tenreiros de entre 20 a 50 días, o prezo medio foi de 373, foron xunto coas femias desta sección, as excepcións neste tipo de gando, cunha suba de 3 euros. Nas tenreiras o incremento foi de 7 euros e acadan os 285 euros. Os animais de máis de 50 días experimentaron unha baixada de 5 euros e as femias de 19 euros, de xeito que o prezo de referencia é de 512 e 401 euros respectivamente.

Un dos dous récords absolutos da xornada rexistrouse nos becerros carniceiros, onde se acadou o maior volume de transaccións na historia do mercado nunha sesión, con 162.360 euros. Ata este martes, o máximo fora de 155.918 euros acadados o 13 de decembro de 2022. Esta cifra histórica acadada hoxe débese en parte, ó rexistro dun récord anual na asistencia destes animais, os cales ascenderon a 171, tal e como indican dende a Central.

En canto ós prezos, os machos de cruces industriais tiveron un valor medio de 1.069 euros, o que supón unha baixada de 34 euros con respecto da feira anterior. As femias descontaron 75 euros e o prezo de referencia queda nos 922 euros. Os becerros de Rubia Galega cotizáronse de media a 1.030 euros, o que deixa unha baixada de 160 euros. As tenreiras desta raza foron das excepcións, ó ter un prezo medio de 1.012 euros, o que supón unha suba de 2 euros. Os becerros frisón tiveron un prezo medio de 823 euros, é dicir 71 euros máis. Nos animais comercializados baixo o selo Ternera Gallega Suprema o valor medio foi de 1.074 euros, o que os sitúa en 93 euros por debaixo do valor da semana pasada.

O vacún maior tamén experimentou un récord absoluto este martes. Neste caso foi no prezo medio da categoría, con 1.769,21 euros. Ata o de agora estaba nos 1.669,74 euros, rexistrados o 26 de abril do ano pasado. En canto ós prezos por categorías, as vacas extra tiveron unha suba de 57 euros e acadan os 2.259 euros. As vacas de primeira mantéñense sen cambios con respecto da semana pasada e sitúanse nos 1.159 euros. Nos exemplares de segunda, o prezo medio reduciuse 29 euros e queda en 753 euros. Os animais de desfeito teñen un valor de referencia de 492 euros, tras sumar 26 euros. Nos animais comercializados baixo o selo Vaca e Boi de Galicia, o prezo medio foi de 2.509 euros, o que supón 511 euros menos.

28_03_2023 Central Agropecuaria de Galicia

Continúan as subas no porcino

Nas mesas de cotizacións do porcino houbo subas tanto no porco cebado coma nos leitóns. O porco selecto e o normal teñen un valor de 2,045 e 2,02 euros o quilo, respectivamente logo dunha suba de 0,02 euros. Os porcos de Canal II tiveron un incremento de 0,026 euros e están a 2,623 euros. Os animais de descarte experimentaron unha suba de 0,06 euros, de xeito que agora cotízanse entre 1,31 e 1,37 euros o quilo.

Nos leitóns houbo unha suba de 1 euro. Os exemplares chegados dunha única granxa están nos 107 euros (cun prezo de 5,35 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 102 euros e cun prezo por quilo de 5,1 euros.

O mercado do ovo mantense esta semana sen cambios. Deste xeito, os ovos da XL están a 2,98 euros a ducia, os da L a 2,77 euros, os ovos da M a 2,41 euros e os da S páganse a 2,16 euros a ducia. As galiñas de descarte semipesadas tamén se manteñen sen variacións e cotízanse entre os 0,33 e os 0,41 euros o quilo.

O prezo do coello está nos 2,4 euros o quilo segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).

28_03_2023 _Central Porcino

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información