
A Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Gallega identificou no ano 2025 un total de 132.617 tenreiros. A cifra supón un lixeiro aumento respecto de 2024 malia o peche sucesivo de explotacións gandeiras ao longo do exercicio.Ao peche do balance de 2025 constaban no rexistro de explotacións adheridas á IXP un total de 7.554 granxas.
Unha redución significativa xa que en 2023 superábanse as 8.000 granxas con actividade. A parte positiva, din dende a IXP, é que “se percibe un certo redimensionamento das gandarías tradicionais, xa que o censo de animais identificados creceu lixeiramente.”
O número de canais certificadas baixo o amparo da IXP tamén experimentou unha notable baixada ata sumar 89.718 unidades. Esta cifra -aínda sendo elevada para a IXP- está claramente por debaixo dos datos do ano 2024, cando se superaron as cen mil canais.
A IXP perdeu máis de 200 puntos de venda polas dificultades para garantir o abastecemento
Por outro lado, durante o 2025 a IXP perdeu máis de 200 establecementos de venda en toda España. O motivo, sinalan dende Ternera Gallega está na “escaseza de animais e de carne certificada para podelos atender, co agravante de que esa perda de mercado pode ser prexudicial de cara ao futuro, cando a oferta e a demanda se estabilicen e os prezos se normalicen.”
O 2025 foi un ano de boas cotizacións en todo o mundo para o vacún de carne en orixe. Así, acadáronse valores que se poden considerar de récord, chegando a superar con creces os 8 € por quilo canal. Uns datos que a IXP califica de “excelentes para todo sector produtor” e que derivaron nunha cifra de negocio de arredor de 173 millóns de euros, en primeira venda, no marco da IXP Ternera Gallega.
O 2025 caracterizouse pola escaseza de animais cebados en España e en Europa debido a diversas causas. A redución dos censos polas enfermidades do gando bovino (EHE e lingua azul), a saída de becerros pasteiros para cebar en explotacións de fóra de Galicia e, sobre todo, o comercio de canais e de animais vivos para os mercados do norte de África (Alxeria e Marrocos).
A IXP sinala que, malia este contexto, Ternera Gallega segue a liderar o sector de vacún de carne de tenreira a nivel estatal, supoñendo case un 60 % da carne que se comercializa con selo de calidade en toda España.
Vacún maior
Respecto da IXP Vaca Galega-Boi Galego, no 2025, aumentou en máis de 300 o número de explotacións inscritas, ata acadar as 1.783, que supoñen a cifra máis alta desde os comezos desta Indicación no 2017. Un dato que tamén se traduciu favorablemente no número de animais amparados, que acadou os 8.790, máis do triplo que no exercicio anterior.
Con todo, os responsables da IXP destacan que os animais de vacún maior saen ao mercado con máis anos e esas alzas no campo apenas se notaron no número de canais certificadas, que se mantivo similar ao do ano 2024, con 498.
En contraste, aumentou en máis dun 6 % a carne certificada pola IXP, ata superar as 245 toneladas. Nesa liña, a cifra de negocio alcanzou os 1,6 millóns de euros, axudada polos elevads prezos dese tipo de carne actualmente no mercado, sendo a cifra máis alta na historia da IXP Vaca Galega-Boi Galego.
As cotizacións de vacún maior acadaron cifras en orixe que a IXP califica de históricas
As industrias e comerciais inscritas na IXP do vacún maior galego sitúanse en 32, a maioría das que operan en Galicia no sector. Dende abril do 2026, as industrias xa poden traballar baixo o novo Prego de Condicións da IXP, que inclúe diferentes cambios demandados por elas mesmas para facilitar a súa actividade e favorecer a comercialización.

A carne de vacún maior galego acadou cotizacións históricas en 2025
Por exemplo, introduciuse a supresión da maduración en orixe, permitindo que agora a poidan facer en destino os operadores comerciais e compradores. Tamén se abriu a posibilidade da conxelación para poder atender mercados de terceiros países fóra da Unión Europea, así como a obtención de produtos cárnicos elaborados.
Dende a IXP poñen o acento en que “actualmente, o mercado demanda o produto, especialmente no eido da alta restauración. A calidade e potencial da carne das vacas e bois galegos, o seu prestixio, debe repercutir en beneficio do conxunto do sector, tanto dos gandeiros como das industrias.”
Finalmente, os responsables da IXP lembran que “a media de idade elevada e a falla de remuda xeracional estanse a notar nos censos de gandarías e cebadeiros.”
Galego









Control OJD