O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación acaba de facer públicos os datos do Informe de Consumo de Alimentación en España en 2018, que ofrece unha visión en conxunto de sobre o comportamento alimentario dos residentes, tanto dentro como fóra do fogar.
No informe detállase que os produtos frescos son os que maior consumo teñen nos fogares españois, cun volume consumido do 39,5% e un valor do 42,9%. O prezo medio dos produtos frescos, superior á media de alimentación, está detrás tamén de que os fogares destinen un orzamento similar ao do ano anterior a estes gastos, aínda que se compre menos.
A froita, as hortalizas, as patacas frescas, o leite e os seus derivados atópanse entre os produtos cun maior consumo. De feito, os lácteos representan un 17% do consumo, seguido das froitas frescas (14%) e as hortalizas e patacas frescas (12,3%). Estes tres grupos de alimentos xuntos representan máis do 50% dos quilos de comida consumidos nos fogares.
Mentres, en valor, os españois gastan máis en carne e en peixe que representa o 33,6% do orzamento en alimentación do fogar. Así, aínda que a compra de carne representa un 7% dos quilos de alimentos adquiridos supón un 20% do gasto en alimentación.
O leite, a froita, as hortalizas e patacas representan máis do 50% do quilos de comida consumidos no fogares
A pesar de que a carne segue a ser un dos produtos destacados nos fogares, xunto ao peixe e as patacas frescas, o seu consumo descendeu por encima do 3% no último ano. O mercado total de carne acapara menor gasto en 2018 que un ano antes debido a que se reduciu o consumo de carne fresca. Destacan a evolución negativa de ovino (8,5%), coello (16,4%) e vacún (5,2%). Só a carne transformada crece durante o ano 2018, cunha variación do 1,9%, aínda que non é suficiente para facer crecer o mercado total de carne.
En canto ás bebidas consumidas no fogar, a auga envasada (+2,6%) unida á sidra son as bebidas que mellor evolucionan durante o ano 2018 e que incrementan o consumo dentro do fogar de forma moi significativa (+22,8% de crecemento para sidra), mentres nos viños descenden un 2,4% o consumo.
No informe tamén se recolle que, cada vez máis, os españois tenden cara aos produtos listos para consumir, como ensaladas ou pratos preparados, e que se reduce a inxesta de azucres e as proteínas de orixe animal. Tamén se incrementa o consumo de aceite de oliva, cun aumento do 9,2% do aceite virxe e do 7,2% en virxe extra.
Á vista destes datos, o ministro en funcións, Luís Planas, destacou que, en xeral os españois coidan a súa alimentación e están dispostos a gastar máis en produtos que ofrecen un valor engadido como o aceite de oliva virxe extra.
Galicia, entre as rexións con maior consumo e gasto
Por comunidades autónomas, Galicia atópase entre as rexións cun maior consumo e gasto per cápita. Así, na comunidade galega o consumo per cápita sitúase nos 665,05 quilos-litros, fronte aos 629,69 quilos- litros da media española.
Tamén no que se refire ao gasto, Galicia atópase como unha das zonas con maiores cifras, por encima da media estatal que se fixa nos 1.497,13 euros por persoa ao ano e que no caso da Galicia ascende a 1.625,09 euros por persoa ao ano.
Maior gasto en alimentación
Segundo se recolle no documento, o gasto total en alimentación en 2018 ascendeu a 103.077 millóns de euros, o que supuxo un incremento do 0,5% con respecto a 2017 e mantense así a tendencia crecente dos últimos anos. O maior gasto débese a un consumo doméstico, un 66,5% , fronte ao 33,5% que representan as consumicións fóra do fogar.
O gasto total dentro dos fogares españois ascendeu a 68.538 millóns de euros, o que supón un 1,6% máis que en 2017. Este incremento débese ao aumento do prezo medio (1,8%), xa que o volume total adquirido mantívose estable.
De media, cada español inxeriu ao redor de 138,18 kg/l. e gastou preto de 1.029 euros en alimentación e bebida fóra do fogar
Mentres, o gasto en alimentos e bebidas fóra do fogar ascendeu a 34.593 millóns de euros, cun volume consumido de 4.637 millóns de quilos e litros. En volume, fóra do fogar consómense máis bebidas (69%) que alimentos (31%), mentres que a proporción invírtese en termos de valor (40% en bebidas e 60% en alimentos) principalmente polo efecto que ten o prezo medio total e o tipo de produto que se consome. Como media, cada español inxeriu ao redor de 138,18 kg/l. e gastou preto de 1.029 euros.
Fóra do fogar de novo as hortalizas, a carne, e peixe volven ser dos máis consumidos xunto ao pan e mariscos mentres que as froitas non teñen tanto peso. En canto ás bebidas, a cervexa e a auga concentran preto do 55% de bebidas fóra de casa.