A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, recomenda no seu último aviso sanitario emitido esta semana manter vixiados os viñedos, pese a que a incidencia das principais pragas está a ser baixa. Dado que o risco de infección se mantén para as principais patoloxías ata o pintado das uvas, aconsellan continuar as revisións das viñas para poder responder axeitadamente e de forma rápida en canto se detecten danos.
Nas revisións realizadas esta semana polo persoal de Areeiro só detectaron danos por mildio nas partes altas das parras, onde os funxicidas penetrantes ou de contacto que se adoitan empregar non chegan. Así é que no resto dos viñedos só observaron restos de ataques anteriores. “En canto ó mildio, a situación xeral parece estabilizarse, pero como aínda non se acadou, nin moito menos, o pintado non se debe descoidar a vixilancia”, recomendan no seu boletín sanitario.
Tampouco houbo danos por oídio nos viñedos pontevedreses, nen sequera nos acios coñecidos como rebusco, onde é frecuente que haxa síntomas do patóxeno. Do mesmo xeito que no mildio, é recomendable manter o viñedo controlado, xa que ata o pintado hai risco de danos por este fungo.
As previsións meteorolóxicas para os próximos días tampouco son favorables para o black rot, co que o risco é tamén baixo, pero recomendan manterse alerta, sobre todo naquelas viñas sensibles por ter plantas abandonadas próximas ou ter sufrido xa contaminación por este fungo nesta campaña.
O tempo solleiro está a deixar xa os acios co brillo nos grans naquelas variedades máis temperás de plantas situadas en zonas e exposicións cálidas. Tamén están a producirse danos por golpes de sol debido a unha sobreexposición das uvas e hai plantas con evidentes síntomas de estrés hídrico, sobre todo naquelas parcelas con solos superficiais e con abundante vexetación espontánea.
Tamén hai cepas con patoloxías da madeira e increméntase a sintomatoloxía asociada, mesmo con partes xa mortas. Cando estes danos se detectan nun brazo do viñedo, dende Areeiro recomendan eliminalas canto antes e destruílas, nunca deixalas na parcela, para así reducir o risco de que siga afectando a outras partes sas do viñedo. Ademais, aconsellan protexer os cortes cunha pasta funxicida.
Froiteiras de óso
No último aviso fitosanitario de Areeiro tamén apuntan a que comezan a detectarse danos do chamado mal do chumbo en froiteiras de óso, causados polo fungo Chondrostereum purpureum, unha enfermidade grave que mesmo pode causar a seca da árbore. Nestes casos recomendan proceder á eliminación das ramas afectadas, se son poucas e protexer os cortes cunha pasta funxicida. Esta recomendación tamén é aplicable para as maceiras afectadas con cancro.