Azores, paraíso das vacas en pastoreo

Unha vintena de gandeiros galegos está a visitar as illas portuguesas para coñecer o seu sistema de manexo do gando, baseado na permanencia das vacas nos pastos día e noite durante todo o ano

Azores, paraíso das vacas en pastoreo

Vista dunha das grandes zonas de pastoreo da illa Terceira, na que se aprecian os valados de pedra que dividen as parcelas.

As illas Azores, un arquipélago que está no medio do Atlántico, a uns 1.500 quilómetros de Lisboa, é o soño das vacas feito realidade. O clima das illas resulta ideal para o crecemento dos pastos, pois as choivas son frecuentes e a temperatura a penas baixa dos 10º no inverno, quedándose en máximos duns 27º no verán. Tales condicións levan a que a práctica totalidade das explotacións lácteas manteñan os animais día e noite nos pastos durante todo o ano.

Nunhas illas que producen o 34% do leite de Portugal, máis de 600.000 toneladas ó ano, as granxas que dispoñen de cortes e que confinan ó gando no interior cóntanse cos dedos das mans. Un grupo dunha vintena de gandeiros galegos que traballan principalmente en ecolóxico ou en pastoreo está a visitar estos días ganderías e cooperativas das illas co obxectivo de coñecer o seu sistema de traballo e intercambiar experiencias. A viaxe está organizada por Xan Pouliquen, enxeñeiro agrónomo e asesor técnico de explotacións.

Das 550 granxas da Illa Terceira, máis de 400 usan salas de muxido móbiles, que acompañan ós animais na súa rotación polas parcelas de pasto

O manexo dos animais nas Azores baséase na rotación do rabaño polas parcelas de pasto de cada explotación, pechadas na súa gran maioría con valos de pedra volcánica, que no seu día foron extraídas das propias terras agrarias. Co obxectivo de evitarlle grandes desprazamentos diarios ós animais, unha gran parte das ganderías optou por sistemas de muxido móbil, que despraza de finca a finca, seguindo a rotación das vacas.

Na illa Terceira, a segunda maior do arquipélago, das 550 explotacións existentes, máis de 400 traballan cun sistema de muxido móbil, en tanto o resto conta con salas de muxido fixas. A alimentación manéxase en cada gandería en función das características das terras que ten , pois dentro das Azores hai microclimas que propician por exemplo maiores ou menores secas no verán.

Gandeiros galegos na visita a unha granxa na illa de San Miguel.

Gandeiros galegos na visita a unha granxa na illa de San Miguel.

Alimentación
A expedición galega está a coñecer granxas que traballan só con pasto e un suplemento de concentrado todo o ano, e outras que teñen que botar man de silo de herba en parte dos meses ou que optan tamén por cultivar unha parte das terras para a elaboración de silo de millo. Hai ademais un grupo de nove gandeiros na illa Terceira, socios da cooperativa Unicol, que está a iniciar a transición á gandería ecolóxica, polo que resultou de moito interese para todos eles intercambiar experiencias co grupo de gandeiros e gandeiras de Galicia que participa estes días na visita ás Azores.

Máis alá das grandes diferenzas no clima, duración dos pastos e muxido, as ganderías das Azores e de Galicia comparten enfoques comúns sobre o traballo co gando. Outra coincidencia está en dous dos grandes problemas que teñen as granxas nas Azores, similares ós galegos. O seu factor crítico é a falta de terra, que dispara os prezos das rendas, e o segundo gran atranco é a lonxanía das Azores cos grandes centros de consumo, no Portugal continental.

Campo Galego está a acompañar estes días a visita da expedición galega e proximamente publicará unha serie de reportaxes sobre as ganderías e cooperativas que se están a visitar no marco da viaxe, que comezou o pasado domingo e prolongarase ata mañá mércores.

Imaxe de grupo da expedición galega.

Imaxe de grupo da expedición galega.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información