
Miguel Sánchez e Luís García con membros e empregados da familia Zaghen
Alumnos en prácticas do Centro de Desenvolvemento Rural EFA-Fonteboa, de Coristanco (A Coruña) realizan unha formación práctica en ganderías de vacún de leite norte de Italia grazas ao programa Erasmus +. Un deles é Miguel Sánchez Aller, que fixo as prácticas na Azienda Zaghen. Se ben a súa actividade e métodos de traballo e produción son semellantes aos do resto de granxas da provincia de Cremona e de todo o norte de Italia, ten a particularidade de que conta con tres instalacións diferentes para cada unha das liñas de negocio. E é que os volumes de animais e hectáreas que traballan obrigan a facelo así. Unha explotación que, ademais, ten plenamente garantido o relevo xeracional para as vindeiras décadas.
Ginevra Zaghen, que fala perfectamente español, fai de anfitrioa para coñecer as 3 naves. Falamos con ela onde se desenvolve a actividade principal, que é a produción de leite. As instalacións están preto da vila de Sergnano e o letreiro da entrada explica que neste lugar levan producindo leite dende 1696, é decir máis de tres séculos de tradición. O propietario da explotación é Ernesto Zaghen e con el traballan os seus fillos Giancarlo, Emilio e Ginevra. As tarefas están claramente asignadas e, mentres o pai exerce a dirección deste e outros negocios familiares, Giancarlo é o responsable de todo o relativo ás vacas, dende as cuestións sanitarias ata a selección xenética e a alimentación. Para Emilio queda a xestión agronómica dos cultivos forraxeiros cos que facer a ración das vacas produtoras e da recría e secas e tamén se encarga da planta de biogás.
Ginevra, que ven de rematar a súa formación agrogandeira, axuda en todos os ámbitos da granxa. E a rapaza é tamén a representante da azienda nos concursos en que participan exercendo como manexadora dos animais que a granxa envía a competición. E é que os concursos teñen un grande seguemento en todo o norte de Italia e os Zaghen xa acumulan numerosos premios en diferentes categorías. Sobre todo en canto a aspectos de manexo sustentable, estando clasificados entre as primeiras 100 explotacións en Italia. E tamén chegaron a ser a nº 13 por produción de leite.
E todos os anos obteñen o galardón PAC, que ten restricións moi rigorosas no que abrangue uso de antibióticos nas vacas e xatas.
A tendencia no sector leiteiro italiano nos últimos anos e ir a tres muxiduras diarias. Así auméntase a produción e mellórase a saúde do animal e a calidade do leite no tocante a reconto de células. Ese modelo é o que aplican en Azienda Zaghen, onde as vacas pasan pola sala de muxidura ás seis da madrugada, ás dúas da tarde e ás dez da noite. Para muxir utilizan unha sala rotatoria de vinte puntos, na que os traballadores se colocan na parte externa e non na interior. A familia Zaghen moxe diariamente 270 vacas de raza frisoa que producen de media 41 litros e cunhas calidades de 4,10 en graxa e 3,90 de proteína, unhas cifras que están nos parámetros medios da provincia de Cremona na que é preciso que o leite teña altos niveis de sólidos porque a meirande parte vai para queixo e manteiga.
“O noso leite ten os niveis de sólidos que require a produción de queixos”, Ginevra Zaghen, Azienda Zaghen
O leite da Azienda Zaghen véndese integramente á empresa Galbani, unha filial do grupo Lactalis que elabora máis de 300 queixos en 50 países diferentes. Tamén para queixos vai o leite desta granxa de Sergnano. A propia empresa Galbani é a que realiza as análises diarias do leite.

Sala rotativa de muxidura na Azienda Zaghen
Sendo, pois, a produción anual de máis de catro millóns de litros de leite, hai que facer un manexo moi rigoroso dos animais. Giancarlo Zaghen é o responsable da selección dos exemplares e da orientación xenética da granxa. Dende que se incorporou á explotación buscou sempre exemplares que combinen alta produción e lonxevidade. Nese segundo parámetro están a ter éxito posto que a media de partos por vaca se sitúa en 3 fronte aos 2 que se rexistra en Italia.
Como en todas as granxas, hai falta de man de obra. Non tanto no laboreo pero si na muxidura.
Igual que pasa en todas as granxas, a man de obra non sempre é accesible. Para o funcionamento da explotación son necesarias, como mínimo, 9 persoas incluíndo o traballo dos irmáns Zaghen. A muxidura realízana tres empregados de orixe hindú, que é a nacionalidade maioritaria entre o persoal das granxas de Cremona dedicado a muxir. Outros tres empregados encárganse de facer o laboreo e mantemento das leiras e de elaborar a ración para as xovencas, vacas en produción e secas. “Aquí é moi raro que haxa xente nova italiana que queira traballar nas granxas. Prefiren estudar e traballar noutros sectores. Si que hai algo máis de predisposición a empregarse no manexo de maquinaria ou en servizos auxiliares ás aziendas, sobre todo porque coas novas máquinas agrícolas o esforzo físico reduciuse moito. Pero para muxir diariamente hai que botar man de persoal foráneo. Hoxe é case imposible atopar persoas que estean dispostas a formarse en todos os elos do traballo na granxa. Eu e os meus irmáns somos un caso pouco habitual.”, explica Ginevra. Ademais do persoal contratado e do traballo dos irmáns, contan cunha administrativa para a xestión diaria.
Na azienda Zaghen traballan 230 hectáreas de terreo, das cales 100 son en propiedade. Os principais cultivos forraxeiros que empregan son o millo, a herba e o sorgo, que van alternando tanto porque convén os terreos como polas obrigas de rotación de cultivos que contempla a PAC. Tamén teñen parcelas de alfalfa e trigo, como é habitual en toda a provincia de Cremona e a rexión de Lombardía, aínda que en menor cantidade. A elección do sorgo débese ás poucas necesidades hídricas dese cereal. “Malia que esta é unha rexión húmida, nos últimos anos houbo secas fortes no verán e con moitos días nos que se pasou de 35ºC. E tivemos que regar o millo diariamente, co conseguinte gasto en auga e case esgotando as reservas. Porque nesta zona somos moitos gandeiros e temos o uso da auga regulado mediante as canles dos regadíos. Co sorgo obtemos un cereal forraxeiro de alta calidade, que non precisa de tanta rega coma o millo e que non é atractivo para a fauna salvaxe.”, di Ginevra. Con todo, o millo segue a ser o cultivo principal e o que máis rendemento produce tanto na leira -60 toneladas por hectárea nun ano normal- como na produción de leite.
O índice de produción propia da ración das vacas en Azienda Zaghen é moi elevado respecto doutras da contorna. Eles son capaces de xenerar o 70% da composición das racións diarias. O 30% restante acádano mercando fariña de millo, soia e integradores de sales minerais e/ou vitaminas. O seu provedor é Ferrero Mangimi e Mazzoleni SPA.
O clima de Cremona non é demasiado frío e rara vez se baixa de -1ºC. O grande problema téñeno coa humidade, habendo semanas nas que alcanza un 90%. A bacia do río Po e os seus afluentes e o terreo chairo favorecen esa humidade. Por eso os ventiladores das naves onde están as vacas están en funcionamento durante todo o ano. No verán para refrescar e o resto do ano para combater e dispersar a humidade. Nas estabulacións hai tamén sistemas de rega por mangueira que se utilizan para mollar as vacas nos días de moita calor. Porque a calor, precisamente por ir acompañada de humidade, estresa moito as vacas e reduce a súa produción de leite.
De cara a ampliar a explotación, os Zaghen terían que aumentar o número de hectáreas destinadas a forraxe, algo que é moi dificultoso actualmente en toda a Lombardía. “Hai un número de granxas moi elevado e a meirande parte delas de moito volume de produción. A terra é moi fértil e o sistema de canles de regadío faina moi atractiva para a produción de forraxes. E a competencia pola terra non é só entre gandeiros. Hai industrias agroalimentarias que tamén veñen aquí mercar terreos para producir cultivos ou industrias alleas ao sector primario -como as siderúrxicas ou automobilísticas- que teñen fábricas e talleres ocupando parcelas. Se quixeramos mercar terreos, teriamos que pensar nun mínimo de 15.000 euros por hectárea. Haino que pensar moito.”, di Ginevra
O acceso á terra é moi complicado. Hai moita competencia pola calidade dos terreos e pola necesidade das granxas de seguir medrando
A maioría das granxas da provincia de Cremona contan con proxectos de biogás. Ben como parte da propia explotación, ben en copropiedade con outras aziendas. No caso dos Zaghen, a instalación é só deles. Coas 600 cabezas de gando que posúen entre as de produción e as xovencas, alcanzan fácilmente a cantidade de residuos que precisan para a produción de electricidade. Mesturando eses residuos co emprego de lodos de empresas de alimentación e con ensilaxes que xa non serven para a ración das vacas, poden alcanzar os 635 quilovatios/hora. Igual que o resto de granxas que teñen un recurso no biogás, o que se fai é vender á rede xeral italiana a electricidade que produce a planta e abastecerse para o funcionamento das instalacións coa que producen as placas solares. No caso dos Zaghen, contan con placas fotovoltaicas nos tellados das naves e tamén en parcelas habilitadas como hortas solares.

Separadores dos residuos procedentes da produción de biogás
Os residuos sólidos que quedan logo da produción de biogás utilízanse como fertilizante e como cama para as vacas, cunha mestura con serrín e cal. Tres veces por semana engaden cal á mestura das camas para baixar o PH cando se use como fertilizante e para reducir o risco de infección nos animais. Na nave de produción contan cuns depósitos que separan os residuos sólidos dos líquidos para facer un aproveitamento diferente logo de seren utilizados para a produción de electricidade.
A terceira instalación que emprega a familia é a que acolle as xovencas e o parque de maquinaria. Dada a grande superficie que traballan para producir forraxes e a cantidade de vacas que manexan, é imprescindible contar con todo tipo de maquinaria agrícola. Preto tamén da vila de Sergnano, está a instalación na que hai tractores, colleitadoras, carros mesturadores, rotativas, telescópicas, grades, empacadoras…Igual que outras granxas da provincia, a plantilla de traballadores inclúe persoal especializado en mecánica para afrontar os problemas que poidan xurdir no día a día do traballo cos aparellos agrícolas.

Un dos carros mesturadores empregados en Azienda Zaghen
No mesmo espazo físico que a maquinaria están as xovencas e animais de recría. Máis de 300 exemplares que garanten o relevo produtivo leiteiro ou que se venden para outras ganderías en Italia e noutros países, mesmo fóra da UE. Pero, no contexto actual de falta de xovencas en toda Europa, os Zaghen venden a meirande parte dos seus animais para ganderías do norte de Italia. Os cruzamentos son sempre con frisoa, agás cando se quere obter algún xato para cebar ou vender. Nese caso, o cruzamento é sempre con azul belga. E é que os bos prezos da carne tamén chegaron a esta azienda. Actualmente están a cobrar ata 12 euros por quilo no caso de animais vivos. O que teñen claro os irmáns Zaghen é que non se mercan vacas. Máis aínda, véndense. Xovencas próximas ao parto poden cotizarse ata 3.000 euros o exemplar.
Os efectos da fauna salvaxe son semellantes aos que afectan as granxas galegas. O xabaril (cinghiale) afecta as colleitas de millo e o lobo ten unha presenza crecente polas mandas que baixan dende os montes Apeninos. Pero é a nutria o problema máis urxente. Chegan a danar 0 30% da colleita de millo e a súa captura está severamente regulada.
Azienda Zaghen é un dos mellores exemplos de como funcionan as explotacións leiteiras na provincia de Cremona e na rexión de Lombardía. Un proxecto familiar con garantía de futuro no que o alumno de EFA-Fonteboa Miguel Sánchez pode adquirir as claves para desenvolver un proxecto similar en Galicia.