O Porco Celta é a única raza porcina autóctona de Galicia, a cal se atopa en perigo de extinción. ASOPORCEL (Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta) nace en 1999 encamiñada á recuperación e conservación da raza Porco Celta e é a única entidade oficialmente recoñecida pola Comunidade Autónoma de Galicia para a xestión do Libro Xenealóxico de acordo co Decreto 149/2011, do 7 de xullo, polo que se establece o Catálogo Oficial de razas gandeiras autóctonas de Galicia.
Co paso dos anos, ASOPORCEL quixo dar apoio e servir como ferramenta para os gandeiros, polo que desde o ano 2019 está oficialmente recoñecida e inscrita no Rexistro de entidades con servizos de asesoramento ou xestión de Galicia, con número de rexistro EAX_19_075 e pode solicitar axudas da PAC, incorporacións de mozos, plans de mellora e axudas de pequenas explotacións.
Até o momento, as granxas de Porco Celta tiveron escasa entidade produtiva e unha orientación económica de pequena renda complementaria, polo que a gran maioría dos criadores non eran conscientes da existencia dunha liña do PDR de fomento de razas autóctonas en perigo de extinción da que poderían beneficiarse.
Este ano 2022, ao ser un ano “descolgado” entre dous períodos da PAC, púidose solicitar a axuda de Razas Autóctonas que non estaba aberta desde 2017, pasando de 8 solicitudes a 64 de Porco Celta en toda Galicia, das cales tramitou ASOPORCEL 51, é dicir, case o 80% do total.
Como se comentou anteriormente, os criadores de Porco Celta xa tiñan acceso ás axudas de fomento de razas autóctonas en perigo de extinción na liña de Agroambiente e clima do PDR no anterior período da PAC, pero existen dúas modificacións con respecto á nova PAC. Por unha banda, sobe a prima de 175 a 200 € por UGM, o que se traduce de pasar de 87,5 € por porca reprodutora a 100 € e por outros porcos de 52,5 a 60 €. Doutra banda, redúcese o mínimo de UGM necesario para poder solicitar a axuda que pasa de ser de 5 UGM a 2,5 UGM.
Nesta pasada campaña 2022, de forma excepcional o compromiso era por un ano, pero a duración do compromiso de cara á solicitude do ano 2023 e todo o novo período será de 5 anos como mínimo. En relación a isto será importante valorar cal será o censo mínimo que se comprometerán a manter durante o devandito período.
A nova PAC trae moitas novidades que repercuten positivamente nas axudas ás que poden acceder os criadores de Porco Celta
A nova PAC trae moitas novidades que repercuten positivamente nas axudas ás que pode acceder o porcino extensivo como é o caso de Porco Celta. Introdúcese no primeiro alicerce da nova PAC o sector porcino, por primeira vez poderá ser receptor de pagos directos a través dos ecoesquemas. O porco pasa a ser considerado un animal de pastoreo, polo que a gran novidade é que representa carga gandeira cando a explotación estea clasificada como extensiva do mesmo xeito que as especies de bovino, ovino, cabrún e equino.
Desaparece o pago verde e, no seu lugar, aparecen os ecoesquemas. As explotacións de Porco Celta poderían acollerse aos ecorrexímes nos casos de que estean clasificadas como extensivas, xa que polo menos nas parcelas nas que os animais estean pastoreando poderán ter a opción de encaixar no ecorrexime de pastoreo e as demais parcelas da explotación poderán solicitar, entre os nove ecoesquemas existentes, aquel ao que mellor se adapten, podendo variar en cada campaña por ser unicamente un compromiso anual.
Debido a que as explotacións de Porco Celta en extensivo pasan a representar carga gandeira, cabe esperar que poidan acceder ás axudas do PDR de Fomento de Pastos e as de Zonas de Montaña, a condición de que cumpran todos os requisitos establecidos. Cabe destacar que, para poder acceder a fomento de pastos do mesmo xeito que as demais especies, non se poderá abonar de ningunha outra forma que non sexa orgánica nin aplicar herbicidas.