Axudas por 10,4 millóns de euros para o sector de flor cortada e planta ornamental

Publicidade
Axudas por 10,4 millóns de euros para o sector de flor cortada e planta ornamental

Planta ornamental no Baixo Miño, unha das principais comarcas produtoras da Península Ibérica

O Consello de Ministros aprobou este martes, a proposta do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), o real decreto polo que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións pola crise sanitaria da COVID-19 no sector de flor cortada e planta ornamental.

O texto lexislativo recolle a concesión no ano 2020 de subvencións por importe total de 10.400.000 euros aos produtores que tivesen que destruír a súa produción durante o estado de alarma.

O obxectivo principal deste real decreto é contribuír a paliar o prexuízo económico que a adopción das necesarias medidas para frear a extensión da COVID-19 tivo para os agricultores produtores de flor cortada e planta ornamental.

Para iso, os beneficiarios desta subvención serán os titulares de explotacións que acrediten a destrución de produción durante o estado de alarma. Estes agricultores percibirán unha axuda en función da superficie de cultivo ocupada por esa vexetación que tiveron que destruír.

As axudas, baixo o réxime de axudas de Estado,  serán compatibles con outras de idéntica finalidade cando a suma total non exceda do valor do material perdido, así como con outras subvencións concedidas para paliar os efectos da epidemia no sector.

Importe das axudas

O importe establécese entre os 7 e os 80 euros por metro cadrado de superficie destruída, en función da especie de flor ou planta da que se trate. As explotacións de titularidade compartida serán consideradas prioritarias a efectos da súa percepción.

Para a adopción desta medida tívose en conta que o sector da flor cortada e planta ornamental viu imposibilitada a comercialización da súa produción no período comprendido entre o 14 de marzo e o 20 de xuño de 2020 como consecuencia das limitacións impostas polo estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19.

Así mesmo, considerouse que o 70 % da produción total anual comercialízase nos meses de primavera pola demanda que xeran festas e eventos como Semana Santa, Fallas, a Feira de Abril, o Día da Nai ou o Día do Libro, todos eles cancelados con motivo da pandemia. Ademais, tanto a flor cortada como a planta ornamental teñen unha vida útil moi curta, que fai imposible o seu almacenamento para posterior venda o que obriga aos produtores a destruír a súa produción.

Campaña promocional

O MAPA porá tamén en marcha nunha campaña de promoción da flor cortada e a planta ornamental que contará cun orzamento de 500.000 euros.

Con esta acción transmitiranse os beneficios de ter flores e plantas naturais en casa e promoverase a compra destes produtos en calquera momento do ano.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información