
Vaca con síntomas de EHE. Foto: Alberto A. Díez Guerrier
O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas critica a “falta de exahustividade e limitacións na cobertura” nas axudas da Xunta destinadas a compensar os prexuízos económicos producidos pola enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE).
En concreto, advirten de que o procedemento “agrava a carga burocrática nas explotacións -ao ter que presentar datos que xa obran en poder da Administración-, implica atraso nos pagos -dados os prazos de tramitación da orde- e establece uns requisitos para cobrar polos animais enfermos que non se axustan á situación real que houbo nas granxas, dificultando unha equitativa percepción das axudas”.
Como exemplo, dende o SLG lembran que “houbo moitos casos de EHE que non se comunicaron porque a xente non sabía como debía actuar ou estaba mal informada”. “Sobre todo ao principio, en provincias como Ourense había a información moi escasa, polo que hai moitos positivos que non foron notificados. Inicialmente porque non se sabía moi ben que facer, e ao longo do pico de incidencia porque non houbo información suficiente por parte dos servizos comarcais en moitos casos. No SLG tamén temos casos constancia de casos que se comunicaron verbalmente na Extensión Agraria pero non aparecen no listado publicado na resolución das axudas”, explican.
Ademáis, a organización labrega avisa de que “son numerosos os erros detectados nesta lista, polo que a nosa equipa xurídica elaborou formularios de alegación tanto para os datos incorrectos como para as exclusións, reclamacións que xa estamos xestionando nos nosos locais comarcais”.
Por outra banda, ardvirten que “ao seren calculadas as indemnizacións en base ao número de cabezas de gando das granxas nas que os servizos veterinarios oficiais identificaron positivos, aquelas de maior dimensión, inda que tiveran só un caso, van percibir importes máis altos que as medianas e pequenas que puideran ter tido máis vacas afectadas e, polo tanto, incorrer en máis gastos e lucro cesante”.
Neste sentido, dende o Sindicato Labrego defenden que “a Consellaría do Medio Rural debería impulsar a realización de probas nas granxas que concreten a porcentaxe de gando afectado nas mesmas, a fin de garantir un reparto máis xusto dos importes. Igualmente, esta prospección pode ser tomada como referencia para identificar o gando xa inmunizado, racionalizando os custos e complicacións no manexo que require a vacinación”.
Ademais, avisan de que “a día de hoxe hai gando que quedou significativamente afectado logo de pasar a enfermidade, así como novos positivos, polo que a estratexia para axudar a facer fronte á EHE debería estar activa todo o ano, non limitarse a animais afectados até o 5 de decembro do 2024”.
Cobertura do lucro cesante e da totalidade de gastos veterinarios
Por último, o SLG esixe que as axudas “cubran o 100% dos gastos veterinarios e calquera gasto directo e indirecto xerado por mor do coidado prestado ao noso gando enfermo, para o que a Consellaría debería de establecer un maior número de mecanismos cos que as gandeiras e gandeiros podan xustificar os casos”.
Solicitan tamén a cobertura do lucro cesante “tanto dos animais que morreron como de aqueles aos que lles quedaron secuelas derivadas da enfermidade, ou danos provocados de xeito indirecto pola mesma, como pode ser pagar o lucro cesante por mor de xatos falecidos por mor da enfermidade da nai”.
Igualmente reclaman que, antes de que suban as temperaturas e, polo tanto, a presenza do mosquito vector da EHE, “haxa un reforzo dos servizos veterinarios da Xunta de Galicia, a fin de dar resolto e visitado do xeito máis áxil posible as granxas afectadas”.
Por último, dende o Sindicato Labrego insisten na pertinencia da creación por parte da Xunta de Galicia dunha mesa de traballo permanente para establecer estratexias eficaces antes as dificultades que o cambio climático está a provocar nas granxas.
Galego









Control OJD