As axudas pola EHE empezarán a cobrarse a partir de mediados de novembro

As axudas da Xunta por importe de 5,6 millóns de euros para paliar os danos da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) faranse efectivas tras a fin do período de actividade do mosquito vector transmisor da doenza, que se estima que baixe a súa incidencia a mediados de novembro coa baixada das temperaturas. Desta forma, os fondos (cofinanciados polo Ministerio de Agricultura) poderán chegar a todas as explotacións afectadas este ano pola enfermidade, a maiores das de 2023, cuestión importante e valorada tanto polo Goberno galego como polas organizacións profesionais agrarias.

Así o lembrou este mediodía en Ourense a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, tras reunirse, precisamente, con responsables de Asaga e Unións Agrarias, nunha xuntanza na que tamén participou o delegado territorial da Xunta na provincia, Manuel Pardo. Despois deste encontro de traballo, a conselleira salientou que “o sistema de repartición das achegas será directo aos gandeiros, que só deberán presentar unha aceptación da axuda, sen necesidade de xuntar ningunha outra documentación, axilizándose así ao máximo a tramitación”.

Neste mesmo sentido, a conselleira recordou que “Galicia foi pioneira en habilitar, xa a comezos deste ano, a indemnización polos animais falecidos, unha medida coa que a Xunta aboou máis de 200.000 euros”. A maiores, lembrou que desde que o Ministerio de Agricultura anunciou, en maio pasado, que ía publicar un Real Decreto e transferir fondos ás autonomías, a Consellería urxiulle celeridade para resolver un asunto que finalmente se fixo efectivo a semana pasada.

“Foi a partires da publicación da devandita norma, e coñecidos os criterios fixados polo Ministerio, cando a Xunta puido avanzar e dar certezas aos gandeiros cunha proposta de axudas directas”, tal e como explicou Gómez.

Con esta medida, sinalou a conselleira, será posible duplicar as contías por animal falecido, con achegas de entre 400 e 1.600 euros, en función da idade das reses. Tamén se sufragarán os tratamentos veterinarios e desinsectantes, achegando 20 euros por bovino censado, aboando os cartos polo total do censo da explotación e non só polos animais afectados, cun máximo de axuda de ata 4.000 euros por granxa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información