Axudas para tratamentos silvícolas en piñeirais e masas de frondosas

Medio Rural destina no periodo 2020-2021 un total de 13 millóns de euros para podas, rozas e rareos

Publicidade
Axudas para tratamentos silvícolas en piñeirais e masas de frondosas

Piñeiral de rexeneración natural no que se practicaron tratamentos silvícolas. / Arquivo.

Administración convocante: Consellería do Medio Rural.

Enlace axuda: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200127/AnuncioG0426-231219-0001_gl.html

Prazo: Ata 09/03/2020

Resumo:

A Consellería do Medio Rural convocou hoxe dúas liñas de axudas orientadas a financiar tratamentos silvícolas en piñeirais e en masas de frondosas (soutos de castiñeiros, carballeiras, sobreirais, etc.). A liña para actuacións en piñeirais está dotada de 9 millóns de euros, dos que 1 millón corresponde ó 2020 e 8 millóns a accións no 2021. En canto á liña para masas de frondosas, conta con 4 millóns de euros, dos que 3,5 se executarán no 2021.

Piñeirais
As actuacións subvencionables en piñeirais son rozas, podas e rareos que contribúan a reducir o combustible no monte, mellorando así a prevención contra incendios e a calidade madeireira da masa.

Os rareos deberanse executar en piñeirais cun mínimo de 2.000 pés por hectárea e cun diámetro medio inferior a 15 centímetros. Respecto ás podas nas masas de coníferas, deberán acadar unha altura mínima de 2 metros e máxima de 4 metros. Despois dos tratamentos silvícolas, en ningún caso poderá haber nas superficies obxecto da axuda pés puntuais de eucalipto nin de acacia negra, mimosa ou pseudoacacia.

Masas de frondosas caducifolias
A segunda das liñas de actuación céntrase en tratamentos silvícolas en masas de frondosas caducifolias, nas que tamén se poderán acometer plantacións puntuais de determinadas árbores co obxectivo de mellorar os valores ecolóxicos de bosques sen carácter produtivo.

Os tratamentos en masas de frondosas caducifolias (castiñeiros, carballos) e sobreirais poderán incluír accións como desmestas, podas de formación ou rozas, entre outros. As masas obxecto de actuación deberán ter unha densidade mínima de 400 pés por hectárea, a excepción dos soutos de castiñeiros, onde se pide unha densidade mínima de 80 pés por hectárea.

Superficies mínimas
Os solicitantes poden ser propietarios individuais, comunidades de montes, montes de varas, cooperativas agrarias, Sofor ou agrupacións de propietarios particulares formalmente constituídas.

Para os propietarios particulares, a superficie mínima de actuación será dunha hectárea en couto redondo. Para as Sofor e agrupacións de propietarios pídese tamén un mínimo dunha hectárea, pero que pode estar dividida ata en 3 coutos redondos. O resto de solicitantes deberán contar cun mínimo de 3 hectáreas, cunha superficie mínima en cada couto de 1 hectárea.

Distribución de fondos
A Administración estableceu un sistema de puntuación para priorizar as solicitudes presentadas. Este ano, como novidade, dáselle unha puntuación extra de 40 puntos a tódolos montes que estean na zona demarcada polo nematodo do piñeiro, que abarca toda a parte sur da provincia de Pontevedra.

Do total de fondos consignados para estas axudas, un 45% destínase a montes veciñais, outro 45% a Sofor, agrupacións de propietarios e cooperativas agrarias e un 10% a propietarios particulares. Se non existisen solicitudes suficientes nalgunha das divisións, os fondos sobrantes pasarían ás outras.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información