A Xunta de Galicia convocará este mes de xuño, por primeira vez, unha liña de axudas específica dirixida á recría de razas autóctonas gandeiras de ruminantes ameazadas, como son as razas bovinas cachena, caldelá, frieiresa, limiá e vianesa, así como as razas ovinas e de cabra galegas. Esta medida estará dotada con 390.000 euros.
Do total do orzamento, 350.000 euros destinaranse a explotacións de gando bovino, mentres que os 40.000 euros restantes irán para as explotacións de ovino e cabrún. Cada explotación poderá recibir ata 15.000 euros, cun máximo de 350 euros por animal no caso do gando bovino, e de 60 euros no caso do gando ovino ou cabrún.
A iniciativa foi recollida nun informe da Consellería do Medio Rural que foi presentado ante o Consello do Goberno galego. Nel sublíñase que a recría —a práctica de criar exemplares na propia explotación desde o desleite— permite garantir o reemprazo dos animais de forma sustentable.
Entre os obxectivos principais desta medida están o aproveitamento sustentable dos recursos autóctonos, a rendibilidade das explotacións, a conservación da diversidade xenética, a promoción de sistemas extensivos adaptados ao medio, e o impulso da economía rural a través da calidade e diferenciación dos produtos. Tamén se destaca a importancia de conservar o valor cultural e patrimonial destas razas.
Esta nova liña de axudas vén complementar outras actuacións da Consellería do Medio Rural, como os convenios con asociacións de criadores ou os programas do Centro de Recursos Zooxenéticos de Fontefiz (Ourense). Estes convenios buscan promover o uso comercial das razas e desenvolver accións de conservación e aproveitamento sustentable.
Ademais, no Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia mantéñense os rabaños fundacionais destas razas e consérvase o Banco de Xermoplasma Animal de Galicia, clave para preservar o material xenético.
O informe sinala que, malia a tendencia xeral positiva dos rabaños autóctonos, algúns aínda non medran en número, polo que se considera necesario aplicar medidas adicionais como esta para asegurar o seu futuro.