Axudas para tratamentos preventivos de danos por enfermidades fúnxicas en piñeiros

É a primeira vez que se convocan este tipo de achegas, aínda que a Consellería do Medio Rural, en coordinación co sector, executou actuacións no 2020 e 2021, no marco do Programa de saúde e vitalidade forestal

Publicidade

Administración convocante: Consellería do Medio Rural

Enlace axuda: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220124/AnuncioG0426-100122-0001_es.html

Prazo: Ata 24/02/2022

Resumo:

Piñeiral afectado pola banda marrón na provincia de Lugo

Piñeiral afectado pola banda vermella na provincia de Lugo

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este luns a orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan en 2022 as axudas para levar a cabo accións silvícolas de prevención dos danos causados nas masas de coníferas por enfermidades fúnxicas defoliadoras.

Cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020, estas achegas contan cun orzamento de 500.000 euros para acadar unha superficie de actuación de arredor de 6.000 hectáreas.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir deste martes

Trátase da primeira vez que se convocan este tipo de achegas, malia que a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal levou a cabo anteriormente actuacións neste eido, concretamente durante os exercicios de 2020 e 2021, no marco do seu Programa de saúde e vitalidade forestal. Tratáronse tanto de actuacións directas como de tratamentos en coordinación coa Fundación Arume.

Masas de coníferas con idade inferior aos 25 anos

Este ano, as novas axudas teñen como finalidade acometer tratamentos preventivos de danos producidos por enfermidades fúnxicas en masas estables de piñeirais de piñeiro do país (Pinus pinaster), piñeiro insigne (Pinus radiata) e piñeiro negral (Pinus nigra) de idade inferior a 25 anos e con defoliación inferior ao 75%. Só se destinan a piñeirais das provincias de Lugo -onde xa se detectaron danos os dous últimos anos- e da Coruña. Non entran nin Ourense nin Pontevedra.

Poderán beneficiarse das subvencións os propietarios individuais ou as agrupacións, as asociacións forestais, as SOFOR e as CMVMC

En concreto, poderán beneficiarse destas subvencións as persoas titulares individuais, as agrupacións forestais de xestión conxunta, incluídas as sociedades de fomento forestal (SOFOR), as fundacións inscritas no Rexistro de Fundacións de Interese Galego e as asociacións e agrupacións de propietarios formalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia. Tamén as cooperativas agrarias, os proindivisos, os proindivisos legalmente constituídos, os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, as comunidades de bens, outras persoas xurídicas, as entidades locais e as comunidades de montes veciñais en man común.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir de mañá martes, día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Os tratamentos deberán aplicarse entre o 1 de abril e o 29 de xullo.

Procesionaria e banda vermella e marrón

No marco do Programa de saúde e vitalidade forestal, recóllense tanto medidas silvícolas de xestión que redunden nunha correcta prevención de problemas sanitarios importantes como as medidas de seguimento e control dos problemas cando estes aparezan, co obxectivo da conservar o estado fitosanitario dos bosques, así como o aumento da resiliencia das masas de coníferas con accións dirixidas a combater as perturbacións causadas por axentes bióticos e abióticos.

Indícase tamén que se terán especialmente en conta axentes como a procesionaria do piñeiro e os fungos foliares dos piñeiros (banda vermella e banda marrón). Ademais, deberase considerar especialmente a aplicación dos plans de continxencia relacionados con organismos de corentena que actualmente afectan en Galicia, o nematodo da madeira do piñeiro e o Fusarium circinatum.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información