Administración convocante: Consellería do Medio Rural
Enlace axuda: http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170112/AnuncioG0426-281216-0002_es.pdf
Prazo: Ata 16/03/2017
Resumo:
A Consellería do Medio Rural vén de convocar as axudas para tratamentos silvícolas en masas de piñeiros e de frondosas caducifolias. Poderanse financiar podas, rozas, rareos e outras actuacións, de acordo coa orde publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG).
A superficie mínima de actuación é de 1 hectárea en couto redondo no caso dos propietarios particulares. As comunidades de montes deberán contar con 3 hectáreas en couto redondo e as Sofor con 3 hectáreas.
O presuposto total para estas axudas é de 7,5 millóns de euros, o que representa un 25% máis que o pasado ano, segundo a Consellería. As subvencións, enmarcadas no Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) 2014-2020, contan con dúas liñas:
– Liña I: Tratamentos silvícolas coa finalidade de prevención de incendios. Apoiarase a execución de podas, rozas (previas á poda) e rareos de pés en masas de piñeiro, así como a trituración ou extracción de restos para biomasa.
– Liña II: Accións para a mellora do valor ecolóxico do monte, sen finalidades produtivas. Financiaranse tratamentos silvícolas en masas de frondosas caducifolias (podas, formación de guías, rozas, rareos) e apoiarase a rexeneración e/ou mellora de soutos de castiñeiros que teñan un mínimo de 100 pés por hectárea.
Nos soutos de castiñeiros, ademais das podas e rozas, financiaranse tratamentos fitosanitarios e a plantación de pés resistentes á tinta para aumentar a densidade do souto. Por baixo de 550 metros de altitude, deberán plantarse clons híbridos. Por riba desa altitude, castiñeiros do país.
O prazo de solicitude das axudas é de 45 días hábiles a partir do día seguinte á publicación da orde no DOG.