Administración convocante: Consellería de Medio Rural
Enlace axuda: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250117/AnuncioG0426-271224-0003_gl.html
Prazo: Ata 17/02/2025
Resumo:
Medio Rural lanza unha nova liña de axudas para montes que teñan asumidos compromisos de xestión beneficiosos para o medio ambiente. Son aqueles montes veciñais ou agrupacións de xestión que estean certificados en servizos ecosistémicos.
O primeiro monte galego en certificarse en servizos ecosistémicos fora a Devesa da Rogueira (Folgoso do Courel), no 2020, e trátase dunha tendencia que se está a extender nos últimos anos en montes máis orientados á protección dos ecosistemas que á produción.
Co obxectivo de contribuír a xestión deste tipo de montes, Medio Rural convoca este ano por primeira vez axudas para aqueles montes certificados en servizos ecosistémicos. Os apoios están dotados dun total de 624.000 euros para o periodo 2025-2029.
A orde será de aplicación aos montes ou terreos forestais que teñan ou estean en condición de obter un certificado de servizos ecosistémicos expedido por algún sistema de certificación forestal recoñecido e validado polos mercados nacionais e internacionais. As declaracións de servizos do ecosistema poderán ser: conservación da biodiversidade (SE1), servizos das bacías hidrográficas (SE2), conservación do solo (SE3) ou servizos recreativos (SE4).
Beneficiarios
As axudas están dirixidas a entidades locais, comunidades de montes veciñais en man común, agrupacións forestais de xestión conxunta e montes de varas. Ofrecerán unha prima anual durante un período de cinco anos, destinada a cubrir os custos adicionais e o lucro cesante derivados da adhesión a sistemas de certificación de servizos ecosistémicos recoñecidos.
O importe máximo por cada beneficiario será de 15.000 euros e ano, cunha axuda por hectárea de 167,42 euros para as primeiras 10 hectáreas e 129,92 para as restantes. O prazo para presentar as solicitudes será dun mes a partir do día seguinte á publicación no DOG, realizándose unicamente por medios electrónicos.