Axudas para o uso de enerxías renovables e o aforro enerxético no sector agrogandeiro: O prazo abrirase o 29 de xaneiro

DCIM100MEDIADJI_0074.JPG

O Consello da Xunta avaliou este luns a nova convocatoria de axudas que vai lanzar a Consellería de Economía e Industria a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) para fomentar o uso de fontes de enerxía renovables e apostar polo aforro e a eficiencia enerxética nas empresas, administracións e entidades sen ánimo de lucro asentadas na Comunidade.

Para avanzar nestes obxectivos, o Goberno galego conta con 17,5 millóns de euros en catro liñas de apoio coas que se agarda mobilizar preto de 52 millóns de euros e acadar importantes aforros económicos. As bases das convocatorias sairon publicadas hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Axudas para empresas e autónomos do sector agrogandeiro

Por unha banda, a Xunta activará nas vindeiras semanas o programa de apoios para que empresas e autónomos do ámbito agrícola primario poidan mellorar o seu consumo enerxético e desenvolver proxectos de enerxías renovables e de aforro e eficiencia enerxética. Trátase dunha liña de concorrencia competitiva, que conta cun orzamento de 1.305.000 euros cos que se prevé mobilizar 4,6 millóns de euros.

Establécese un máximo de 100.000 por proxecto e de 300.000 euros por empresa, agás no caso de instalacións de autoconsumo colectivo, en que se establece unha axuda máxima de 500.000 euros por proxecto e por empresa. O prazo para presentar as solicitudes abrirá o vindeiro 29 de xaneiro e rematará o 2 de marzo.

A segunda das liñas de axuda vai dirixida a apoiar proxectos de aforro e eficiencia enerxética impulsadas por empresas e autónomos con domicilio social ou centro de traballo en Galicia, así como ás empresas de servizos enerxéticos (ESE) que xestionen instalacións consumidoras de enerxía con programas de aforro enerxético.

Serán subvencionables proxectos con investimentos superiores a 15.000 euros que, no caso de empresas con actividade de transformación e comercialización de produtos de pesca e acuicultura, poden alcanzar os 200.000 euros.

En canto ás contías das achegas, a axuda máxima por expediente ascende a 1 millón de euros, que no caso de minimis está limitada a 300.000 euros, mentres que o apoio máximo por empresa beneficiaria será de 2 millóns de euros. O orzamento global do programa é de 7,5 millóns de euros cos que se prevé mobilizar 30 millóns de euros e o prazo para solicitar as axudas abrirase o vindeiro 30 de xaneiro e rematará o 15 de setembro.

Instalación de paneis solares

Por outra banda, a Administración galega volve convocar axudas destinadas a proxectos de xeración de electricidade mediante a instalacións de paneis solares fotovoltaicos. Os seus beneficiarios son as entidades locais de Galicia, as entidades sen ánimo de lucro e as empresas ou autónomos con domicilio social ou centro de traballo na Comunidade.

O orzamento total ascende a 6,5 millóns de euros e concederase seguindo o procedemento de concorrencia competitiva e cuns importes máximos por empresa beneficiaria de 150.000 euros. Estes apoios favorecerán a mobilización de máis de 13 millóns e complementan as axudas publicadas en outubro do ano pasado e que estiveron abertas ata decembro, destinadas a instalacións de paneis solares fotovoltaicos no sector residencial. O prazo para solicitalas será do 28 de xaneiro ata o 27 de febreiro.

Finalmente, a Administración galega apoia o uso de biomasa, xeotermia, hidrotermia, aerotermia e solar térmica con axudas que alcanzarán o 50% de intensidade. Poderán beneficiarse tanto os propietarios dun inmoble residencial como as comunidades e mancomunidades de veciños sempre que as vivendas ou edificios do sector residencial estean situadas en territorio galego. De concorrencia competitiva, contan cun orzamento de 2,1 millóns de euros e aspiran a mobilizar máis de catro millóns de euros. As axudas poderán solicitarse desde o 9 de febreiro ata o 13 de marzo.

Con este programa de apoios, o Goberno galego pretende non só a redución dos custos enerxéticos e a mellora da calidade de vida ligada ao coidado ambiental, senón tamén contribuír á dinamización económica do rural e a un cambio cultural necesario para abordar a transición enerxética en todos os eidos. As convocatorias están cofinanciadas co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional Feder-Galicia 2021-2027, así como co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural Feader no marco do Plan estratéxico da política agraria común 2023-2027.

Enlace á convocatoria no DOG. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información