Axudas para o fomento de razas autóctonas galegas

A partir de mañá, ao longo dun mes, estará habilitado o prazo para a solicitude por vía electrónica dunha liña de subvencións para aumentar a rendibilidade do sector gandeiro e modernizalo en materia de xenética

Publicidade
Axudas para o fomento de razas autóctonas galegas

As axudas están dedicadas á mellora de rendibilidade e a modernización do sector en termos de xenética

Administración convocante: Consellería de Medio Rural

Enlace axuda: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220112/AnuncioG0426-231221-0004_gl.html

Prazo: Ata 13/02/2022

Resumo:

A Consellería de Medio Rural convoca unha liña de axudas cun orzamento de 200.000 euros para o fomento de razas autóctonas galegas. Ten como finalidade aumentar a rendibilidade da gandería galega e modernizar o sector en materia de xenética, sanidade e produción animal. Tamén busca unha mellora da eficiencia dos sistemas produtivos agrarios e das calidades neste tipo de producións, onde encaixa a optimización destas especies como recurso xenético potencial.

Os beneficiarios potenciais destas axudas son todas aquelas organizacións ou asociacións de criadores das razas autóctonas galegas que estean oficialmente recoñecidas para a xestión do libro xenealóxico das razas autóctonas españolas pola comunidade autónoma galega. As actuacións a subvencionar son a creación ou mantemento de libros xenealóxicos, incluíndo os gastos derivados da súa actividade, os do local ou oficinas, a actualización, adquisición e mantemento de ordenadores e material informático, así como a contratación e gastos de persoal técnico e administrativo.

Tamén serán subvencionables os gastos que se deriven do desenvolvemento do programa de mellora oficialmente recoñecido para a raza, no que se recollerán as actividades destinadas á conservación in situ da mesma, así como a creación e mantemento de bancos de xermoplasma en centros autorizados oficialmente e as probas destinadas a determinar a calidade xenética ou o rendemento do gando.

Tal como se establece na convocatoria, o prazo para solicitar estas achegas é dun mes, contado a partir de mañá, e deberán presentarse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *