Axudas para as ganderías afectadas pola rata toupa

Medio Rural prevé destinar 300 euros por hectárea ás explotacións beneficiarias, que terán que estar encadradas nun dos 10 concellos da montaña lucense que se consideran afectados

Publicidade
Axudas para as ganderías afectadas pola rata toupa

Danos da rata toupa. / Arquivo.

Administración convocante: Consellería do Medio Rural

Enlace axuda: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230529/AnuncioG0426-220523-0001_gl.html

Prazo: Ata 29/06/2023

Resumo:

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos gandeiros afectados polo incremento poboacional da rata toupa nos pasteiros. Os apoios, que suman 600.000 euros, diríxense ás granxas de 10 concellos da montaña lucense que se consideran os máis afectados.

Así, poderán ser beneficiarios destas axudas os titulares de explotacións gandeiras situadas nos concellos das Nogais, Baleira, Becerreá, Cervantes, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro, Samos ou Triacastela. Nesta liña, poderá ser subvencionable toda a superficie dos recintos declarados con uso de pasteiro na Solicitude Unificada de axudas da Política Agraria Común (PAC) da convocatoria de 2022, situadas na zona de afección pola rata toupa.

As parcelas para as que se presente solicitude e non figuren dentro da zona demarcada pola afección da rata toupa poderán ser obxecto de inspección por parte do persoal do Servizo de Explotacións Agrarias de Lugo. Se se considera que existe un dano evidente producido pola rata toupa poderán ser incluídas dentro das parcelas subvencionadas.

O importe de axuda que se concederá a cada beneficiario será de 300 euros por hectárea. No caso de fraccións de superficie menores dunha hectárea a axuda será de 0,03 euros por metro cadrado.

O prazo de solicitudes é dun mes a partir de mañá, día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información