Axudas para a elaboración de instrumentos de ordenación e xestión forestal

A superficie de monte que conta cunha ferramenta técnica coa que organizar os seus recursos forestais e garantir unha xestión sustentable incrementouse nun 65% desde o 2018, pasando de 233.000 hectáreas a máis de 385.000

Publicidade

Administración convocante: Consellería do Medio Rural

Enlace axuda: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220201/AnuncioG0426-100122-0003_gl.html

Prazo: Ata 25/03/2022

Resumo:

plantacion eucaliptos estandarO Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este martes a orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan en 2022 as axudas para apoiar a elaboración de instrumentos de ordenación ou xestión forestais. Cofinanciada co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020, a nova convocatoria conta cun orzamento de 6.010.000 euros para este ano e o vindeiro.

A nova convocatoria publícase tras constatar que a superficie galega baixo instrumentos de xestión ou ordenación forestais se incrementou un 65% desde o ano 2018. Deste xeito, pasou de roldar as 233.000 hectáreas ordenadas a superar as 385.000 ha no pasado exercicio grazas, en boa parte, ao impulso promovido por estas achegas, que se convocaran en 2018 e en 2020.

 O prazo para presentar solicitudes será de 45 días hábiles contados a partir deste mércores

Así, a finalidade desta orde é facilitarlles aos propietarios que dispoñan dunha ferramenta técnica coa que organizar os seus recursos forestais e que garanta unha xestión sustentable do monte. Nesa liña, estes fondos permitirán subvencionar a redacción dos instrumentos de ordenación tales como proxectos de ordenación, documentos simples de xestión, documentos compartidos de xestión e as comunicacións de adhesión expresa a referentes de boas prácticas e aos modelos silvícolas ou outros modelos de xestión forestal, como os sistemas silvopastorís.

Certificación forestal

O Plan Forestal de Galicia 2021-2040 pretende ter, ao remate do seu período de vixencia, unhas 850.000 hectáreas de monte baixo instrumentos de ordenación ou xestión forestal e 650.000 hectáreas baixo sistemas de certificación forestal.

Cabe destacar que as comunicacións de adhesión a modelos silvícolas ou de xestión forestal son imprescindibles para a realización de aproveitamentos forestais naqueles montes de menos de 15 hectáreas, mentres para o resto de montes o serán a partir do 31 de decembro de 2028. Polo tanto, existe unha necesidade de impulsar de xeito decidido este tipo de ferramentas que se adaptan ao tamaño destas propiedades e á súa intensidade de uso.

Asemade, e co fin de fomentar a certificación forestal, todos os instrumentos obxecto de axuda disporán do prazo dun ano unha vez elaborados para certificarse mediante, cando menos, un sistema internacionalmente recoñecido (ou dous anos, no caso de ser necesaria a avaliación de impacto ambiental).

Beneficiarios

Poderán beneficiarse destas achegas as entidades locais e as persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos obxecto de axuda. Entenderase por titulares tanto propietarios como arrendatarios ou xestores dos montes ou terreos forestais e/ou dos seus aproveitamentos, que actúen mediante arrendamentos ou contratos plurianuais coa propiedade cuxo obxecto sexa inequivocamente a xestión do monte ou terreo forestal e/ou dos seus aproveitamentos.

En concreto, poderán ser beneficiarias as sociedades de fomento forestal, os propietarios particulares de forma individual, as asociacións e agrupacións de propietarios particulares formalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia, as cooperativas agrarias, os proindivisos, os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, as comunidades de bens, outras persoas xurídicas, as entidades locais e as comunidades de montes veciñais en man común que cumpran o establecido.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información