Os viticultores da Ribeira Sacra poderán optar a apoios de ata 2.000 euros por hectárea para a conservación da paisaxe e a loita contra a erosión. Tralo Consello da Xunta de hoxe, o presidente autonómico, Alfonso Rueda, informou de que teñen previsto destinar un total de 2 millóns de euros para apoio ós viticultores da Ribeira Sacra.
As parcelas en socalcos beneficiaranse de ata 2.000 euros por hectárea, en tanto o resto de parcelas, máis mecanizables e accesibles, poderán recibir ata 1.000 euros por hectárea, en concepto de axudas para a conservación da paisaxe.
É a vía que atopou a Xunta para tratar de compensar ós viticultores pola crise que se presenta para a actual vendima, na que parte das adegas anunciaron que non mercarán uva polos stocks de viño que almacenan de pasadas campañas.
A orde de axudas implementarase antes do final de 2024, según anuncia o Goberno galego.
Como xustificación dos apoios, a Xunta sinala que cómpre ter en conta que a paisaxe desta zona xoga un papel fundamental na candidatura deste territorio a Patrimonio Mundial da Unesco, e por tanto esta medida axudará a reforzar a citada candidatura.
Os apoios ós viticultores divídense en dous grupos de destinatarios, segundo o sistema de cultivo utilizado. Un deles -o tipo 1- será para o cultivo en socalcos, con muros de pedra e que realizan o traballo de maneira non mecanizada, e o segundo -o tipo 2-, para outros tipos de cultivo do viñedo, sen socalcos ou mediante traballo mecanizado.
De entre as 1.300 hectáreas inscritas nesta DO, aproximadamente 700 estarían dentro do primeiro sistema anteriormente mencionado, e para o cal se destinarán 1,4 millóns de euros; e 600 hectáreas no segundo, cun investimento de 600.000 euros. Por tanto, o importe total para esta axuda ascenderá aos 2 millóns de euros.
Destilación de crise
A maiores desta medida, a Xunta anunciou otra serie de axudas para apoiar ao sector ante a situación de “excedente de viño” que están a vivir o conxunto de “rexións vitivinícolas ,ante o descenso xeralizado de consumo de viño tinto”.
Nesta liña, Rueda indicou que nas vindeiras semanas, o Diario Oficial de Galicia (DOG) vai publicar unha orde de axudas “para a destilación de crise”. Estará dotada cun orzamento inicial de 500.000 euros, ampliable de ser necesario ata os 2,4 millós de euros de fondos propios.
Outras comunidades, como La Rioja, xa puxeron en marcha este ano a destilación de crise. No caso da denominación de orixe de La Rioja, foron 135 adegas e cooperativas as apoiadas.
A Xunta enmarca o caso da Ribeira Sacra nun contexto xeral marcado pola caída de vendas que está a afectar ós viños tintos e rosados de determinadas rexións de Francia, España e Portugal. Entre os motivos, cita o cambio de gustos dos consumidores, máis orientados ós viños brancos, e a caída de exportacións a China e Rusia.
Divulgación das oportunidades da PAC e máis promoción
Entre as medidas de apoio tamén se contempla unha ampliación da formación e divulgación das oportunidades que ofrece a Política Agraria Común (PAC) para os viticultores en xeral, e en especial para os da Ribeira Sacra.
Dentro da PAC existen unhas axudas, en concreto o ecorrexime de cultivo leñoso en terreos con pendente, que na actualidade só o están solicitando o 28% dos viticultores con axuda da PAC nesta zona: concretamente 95 de 339 solicitudes de agricultores que declaran viñedo.
O obxectivo deste ecorrexime é crear unha capa de cobertura do chan para reducir a erosión neste tipo de terreos. Por tanto, o obxectivo da Consellería do Medio Rural é promover as oportunidades deste ecorrexime en particular, e da PAC en xeral, posto que cada viticultor que solicite esta axuda podería obter un importe total de 570 euros por hectárea ao cabo de tres anos.
Así mesmo, tamén se reforzarán as estratexias de promoción da calidade desta denominación de orixe, en conxunto co Consello Regulador.
Préstamos pola recollida de uva
Tal e como anunciou Rueda, outra acción máis de apoio, que se realiza a través da Consellería de Economía e Industria, concretamente do Igape, son as axudas para que os adegueiros poidan acceder a préstamos de cara á recollida de uva.
No caso da convocatoria deste ano, que se publicará en breve no Diario Oficial de Galicia, serán susceptibles de apoio aqueles préstamos (aplicados á adquisición de uva do 2024) formalizados entre o 1 de setembro e o 30 de decembro de 2024.
Na pasada convocatoria resolvéronse favorablemente 38 solicitudes, o que supón facilitar ás adegas acceso a créditos por un valor conxunto que supera os 17 millóns de euros, cun investimento final de 1,8 millóns de euros.
D.O. Ribeira Sacra
Cómpre destacar que, dentro da DO Ribeira Sacra están inscritas 1.310 hectáreas, 12.120 parcelas, 2.134 viticultores e 98 adegas. A zona amparada para a produción do viño con denominación de orixe Ribeira Sacra comprende parroquias e lugares de 20 municipios situados ao longo das ribeiras do Miño e do Sil, no sur da provincia de Lugo e no norte da provincia de Ourense, e está constituída polas subzonas seguintes: Amandi, Chantada, Quiroga-Bibei, Ribeiras do Miño e Ribeiras do Sil.