A Xunta, a través da Consellería do Medio Rural, publicará o 10 de febreiro unha nova convocatoria de axudas para o fomento e apoio ás agrupacións forestais de xestión conxunta. En total, destinaranse a esta finalidade 2.125.000 euros, distribuídos nas anualidades de 2026 e 2027, o que supón un reforzo financieiro do 50%, segundo Medio Rural.
Así, a actuación dá continuidade ás dúas convocatorias anteriores destas mesmas achegas, correspondentes aos anos 2024 e 2025. Actualmente están en funcionamento 24 agrupacións, pero unha vez executada ao completo a convocatoria de 2025 estímase que se terán creado unhas 40 novas agrupacións, incorporando estas unha superficie forestal agrupada de máis de 4.800 hectáreas, co que o número total de entidades rexistradas roldará as 65.
Dúas liñas de subvención
A nova convocatoria contemplará dúas liñas de subvención. Por un lado, a destinada a apoiar a creación de agrupacións forestais de xestión conxunta, distinguindo dúas modalidades, básica e con base territorial. Inclúese tamén a posibilidade de transformación de agrupacións básicas en agrupacións con base territorial, favorecendo así a evolución cara a modelos de maior integración.
Por outra banda, a segunda liña de axudas diríxese ás agrupacións forestais de xestión conxunta con base territorial xa inscritas no rexistro correspondente, co obxectivo de apoiar a realización de novos procesos e actividades orientadas á súa consolidación.
Beneficiarios
Os posibles beneficiarios son asociacións sen ánimo de lucro, sociedades civís, cooperativas, sociedades agrarias de transformación, sociedades mercantís, sociedades de fomento forestal e outras entidades que teñan por obxecto a xestión conxunta de terras forestais en Galicia. A intensidade da axuda poderá acadar ata o 100 % do investimento subvencionable, cun límite máximo de 51.000 euros por entidade beneficiaria.
As actuacións subvencionables, que deberán executarse entre o 1 de xaneiro de 2026 e o 30 de xuño de 2027, abarcan un amplo conxunto de tarefas necesarias tanto para a creación como para a consolidación das agrupacións. Así, inclúen a identificación e impulso da iniciativa; os gastos de constitución e inscrición; a revisión do parcelario e investigación da titularidade; a elaboración de cartografía; a implantación de sistemas de certificación forestal e a mellora da gobernanza e xestión.
Galego









Control OJD