Axudas para agricultores mozos, para pequenas explotacións e para plans de mellora

Publicidade

Administración convocante: Consellería do Medio Rural

Enlace axuda: http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20151229/AnuncioG0426-231215-0004_gl.html

Prazo: Ata 18/03/2016

Resumo:

A Consellería de Medio Rural vén de convocar axudas para investimentos en explotacións agrarias, para incorporación de agricultores mozos e para o impulso a pequenas explotacións. O prazo de solicitude das axudas, con cargo ó Plan de Desenvolvemento Rural 2014-2020, será do 18 de xaneiro ó 18 de marzo, ambos incluidos.

Plans de mellora nas explotacións agrarias

Serán subvencionables, entre outros, os seguintes custos:

– A construción, adquisición ou mellora de bens inmobles.

– A compra de nova maquinaria.

– Plantación e mellora de cultivos leñosos de aptitude frutícola (árbores e arbustos froiteiros, a excepción dos incluídos na medida 8 do PDR de Galicia 2014-2020).

– A compra de terreos por un valor inferior ao 10 % do custo subvencionable.

– Adquisición ou desenvolvemento de programas informáticos.

Non serán subvencionables a compra de dereitos de produción; plantas anuais e a súa plantación; investimento de simple substitución; maquinaria de segunda man; custos de conservación e mantemento ou os derivados do funcionamento da explotación; os montes baixos de ciclo curto; maquinaria ou equipamentos relacionados coa transformación e comercialización de produtos agrarios ou forestais, e a maquinaria e equipamentos de carácter forestal.

Priorizaranse ás explotacións que, entre outras características, incorporen ou teñan incorporado nos 5 últimos anos un agricultor mozo, as que creen novas unidades de traballo agrario, as que presenten solicitude de axuda para proxectos innovadores ou integrados, as que teñan a condición de explotación prioritaria, as explotacións de montaña e ecolóxicas e ás de titularidade compartida.

A axuda será dun 40% dos custes elixibles, incrementables ata un máximo do 80%. O orzamento destinado para esta medida é de 36 millóns de euros.

A creación de empresas para agricultores mozos

Considéranse agricultores mozos os que teñen entre 18 e 40 anos e se establezan por primeira vez como titulares, cotitulares ou socios dunha explotación agraria. O inicio do proceso de instalación debe ser igual ou anterior, cun prazo máximo de 12 meses, á solicitude da axuda, pero non pode estar xa rematado.

As modalidades de primeira instalación de agricultores mozos son as seguintes:

1) Acceso mediante titularidade exclusiva dunha explotación preexistente ou de nova creación.

2) Acceso mediante cotitularidade dunha explotación agraria prioritaria.

3) Integración como socio/a nunha entidade asociativa preexistente ou de nova constitución, que sexa titular dunha explotación agraria prioritaria ou que adquira esta condición coa incorporación do mozo, no caso de ser de nova creación.

4) Acceso mediante titularidade compartida da explotación.

A axuda para agricultores mozos divídese en dous tramos cunha contía básica de 20.000 euros, ampliables ata os 70.000 euros. O orzamento previsto para esta medida é de 18 millóns de euros.

Creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións

A axuda ascenderá a un global de 15.000 euros e estará ligada á execución dun plan empresarial que deberá ter unha duración de 18 meses desde a aprobación da axuda.

Os solicitantes deben reunir, entre outros, os seguintes requisitos:

– Ser titular dunha pequena explotación agraria inscrita no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia.

– Residir na comarca onde radique a explotación ou nunha comarca limítrofe.

– A explotación debe requirir un volume de traballo equivalente, como mínimo, á metade dunha unidade de traballo agrario imputable ao titular da explotación. Esta unidade de traballo agrario manterase durante os cinco anos posteriores ao pagamento final da axuda.

Priorizaranse as explotacións cunha orientación produtiva principal hortícola ou frutícola, que sexan ecolóxicas e que estean situadas en zonas desfavorecidas. O orzamento previsto para esta medida é de 3,5 millóns de euros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información