Axudas para agricultores e gandeiros con terreos na Rede Natura ou en parques naturais

Publicidade

Administración convocante: Xunta de Galicia: Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

Enlace axuda: http://www.xunta.gal/diario-oficial-galicia/mostrarContenido.do?paginaCompleta=false&idEstado=5&rutaRelativa=true&ruta=/2016/20160708/Secciones3_gl.html

Prazo: Ata 09/08/2016

Resumo:

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio investirá uns 2,6 millóns de euros en dúas ordes de axudas que teñen como obxectivo impulsar inversións non produtivas vinculadas á realización de obxectivos agroambientais e climáticos en concellos incluídos na Rede Natura 2000, así como no ámbito dos parques naturais de Galicia.

Así se recolle nas dúas convocatorias que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG). A primeira delas, dirixida a concellos situados en Rede Natura, dispón dun orzamento de algo máis de 1,2 millóns de euros ata 2017; mentres que a segunda, destinada aos ámbitos dos parques naturais, conta con 1,3 millóns de euros a distribuír entre este exercicio e o seguinte.

No caso de ambas ordes, o seu obxectivo é regular axudas dirixidas a restaurar, preservar e mellorar a biodiversidade, os sistemas agrarios de alto valor natural e o estado da paisaxe agraria galega dentro de cadanseu ámbito territorial de actuación, que inclúen os espazos protexidos e a súa área de influencia socioeconómica.

Deste xeito, as subvencións irán destinadas a aqueles proxectos que contribúan á mellora da paisaxe rural tradicional e dos seus elementos representativos, así como ao mantemento das condicións ambientais necesarias que procuren a conservación e recuperación de especies relacionadas co medio agrario e os seus hábitats. En resumo, os obxectivos deberán ser sempre ambientais e de mellora do carácter de utilidade pública destas zonas e, por conseguinte, non darán cobertura a investimentos que busquen un aumento significativo do valor ou rendibilidade das explotacións agrícolas.

Actuacións subvencionábeis

Máis polo miúdo, segundo se establece nas convocatorias publicadas hoxe no DOG, poderán ser obxecto de axuda as seguintes actuacións: de mellora da paisaxe agraria e desenvolvemento de usos recreativos (creación de cercas ou sebes; restauración de muros de mampostería; melloras de sendeiros rurais, creación de rutas recreativas; sinalización de camiños…); de recuperación de elementos históricos, patrimoniais, ou culturais representativos como hórreos, cabanas ou valados; e de preservación de hábitats prioritarios de especies de interese comunitario ou ameazadas (creación de cercados; restauración de humidais; eliminación de especies exóticas invasoras; modificación de estruturas que permitan o desprazamento da fauna salvaxe…).

En ningún caso se subvencionarán aquelas actuacións que poñan en perigo dalgún xeito os valores que xustifican a protección destes espazos, tanto os correspondentes á Rede Natura como os dos parques naturais.

Os importes máximos das axudas varían en función da convocatoria e dos beneficiarios, pero en termos xerais a contía máxima será de 20.000 euros para os concellos situados nos ámbitos dos parques naturais; e de 12.000 euros para agricultores, asociacións medioambientais ou empresas.

O prazo de presentación das solicitudes remata o 9 de agosto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información