O Ministerio de Agricultura habilitará axudas directas para cada un dos agricultores e gandeiros afectados polos lumes. O borrador do Real decreto saíu a consulta pública e pódense facer aportacións ata o 3 de outubro.
Os apoios tramitaranse de oficio e abonaranse antes de fin de ano a tódolos afectados. Estas axudas son complementarias ás das comunidades autónomas e a posibles indemnizacións de seguros agrarios.
O ministro de Agricultura, Luis Planas, que hoxe visitou a adega Alán do Val (A Rúa, Ourense), unha das afectadas na Denominación de Orixe Valdeorras, asegurou esta mañá que os pagos se farán de oficio, “sen necesidade de que os beneficiarios presenten solicitude nin ningunha documentación”, e comprometeuse a axilizalos para antes de fin de ano.
O listado de beneficiarios determinarase cruzando os datos xeorreferenciados das explotacións agrarias coa capa XIS do Sistema Europeo de Información de Incendios Forestais. Tódolos afectados nunha área de grandes incendios (os maiores ás 500 hectáreas), recibirán a axuda.
A subvención do Ministerio ten dúas liñas para os afectados. Unha, equivalente ó 20% dos ingresos agrarios declarados polo afectado no último exercicio, cun mínimo de 1.500 euros e un máximo de 10.000 euros. Este apoio é independente de se o produtor conta cun seguro en paralelo ou non, se ben ós asegurados que teñan declarado sinistro de incendio, recibirán un mínimo de 6.000 euros.
Por outro lado, nos concellos afectados por grandes lumes, os produtores recibirán unha subvención automática do seguro agrario, ata acadar un 70% da prima.
Planas lembra que nos incendios deste verán, houbo 370.000 hectáreas calcinadas, das que 30.000 estaban en terras de cultivo. En concreto, rexistráronse 3.000 explotacións gandeiras afectadas, das que 2.000 tiñan pastos. “O que buscamos é compensar o enorme incremento de gastos destas ganderías a consecuencia dos lumes”, subliña.
Galego










Control OJD