A Consellería do Medio Rural sacou unha novidosa convocatoria de axudas para a prestación de servizos básicos locais que propicien a revitalización do tecido produtivo e a fixación de poboación en áreas rurais. Estas subvención están dotadas cun orzamento de 5 millóns de euros ao abeiro do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027. A finalidade é impulsar a recuperación demográfica e a creación de condicións de vida de calidade no medio rural.
Os concellos de Galicia que desenvolvan os seus proxectos en zonas rurais, a excepción daquelas parroquias clasificadas como zonas densamente poboadas segundo o seu grao de urbanización recollido polo Instituto Galego de Estatística (IGE), poderán ser beneficiarios das axudas. Estas parroquias localízanse nas sete cidades galegas e nos concellos de Culleredo, Narón, Oleiros, Barbadás e Poio.
Estes fondos permitirán acometer diferentes actuacións para mellorar os servizos básicos nas zonas beneficiadas, como poden ser obras de mellora nas redes de alumeado público ou a execución de construción e a rehabilitación de espazos públicos, dependencias municipais e instalacións deportivas. Ademais, poderán restaurarse elementos patrimoniais e a súa contorna, no caso de ser necesario, e afondarase na mellora de servizos asistenciais e culturais.
Serán subvencionables a construción, adquisición ou mellora de inmobles, terreos ou obras e maquinarias e bens de equipo necesario. Os proxectos beneficiados recibirán unha porcentaxe de subvención equivalente á totalidade dos gastos subvencionados, cunha axuda máxima de 100.000 euros.
Galego









Control OJD