Administración convocante: Augas de Galicia
Enlace axuda: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250226/AnuncioO143-140225-0003_es.html
Prazo: Ata 07/04/2025
Resumo:
Todas as vivendas que non vertan as súas augas a unha rede pública de sumidoiros deben, obrigatoriamente, estar equipadas cunha solución de saneamento autónomo individual para xestionar de forma idónea as súas augas residuais domésticas. Por este motivo e para cooperar cos particulares que están nesta situación, a Xunta abre unha convocatoria de axudas destinada á instalación e os sistemas de depuración autónomos na demarcación hidrográfica de Galicia-Costa.
En Galicia, factores como a elevada dispersión da poboación, unha topografía accidentada ou a elevada pluviometría fan que o saneamento autónomo sexa a solución óptima para resolver moitos problemas do saneamento nas contornas rurais. Os novos enfoques e criterios no deseño de esquemas de saneamento descentralizado mostran que, en moitas ocasións, son unha solución tecnicamente eficaz, económica e ambientalmente sustentable a longo prazo.
Segundo indican dende Augas de Galicia, toda vivenda sen posibilidade de acometida aos sumidoiros públicos deberá de utilizar sistemas individualizados separados, un para a evacuación de augas pluviais e outro de evacuación de augas residuais dotado dun sistema de depuración particular.
O importe será do 100 % do investimento da actuación proposta e co límite de 4.000 euros
As augas pluviais poderán almacenarse para a súa posterior utilización na propia vivenda, ou ben evacuarse ao terreo, preferiblemente, ou a unha canle natural ou a unha rede de drenaxe pluvial público. A evacuación de augas residuais deberá realizarse conectándoa ao sistema de sumidoiros públicos. No entanto, as ordenanzas municipais reguladoras dos servizos de xestión de sumidoiros poden establecer unha distancia máxima a partir da que non é obrigatoria esta conexión.
Requisitos da convocatoria
Serán beneficiarias das axudas as persoas físicas que deban figurar como titulares dunha autorización de vertedura dun sistema de depuración autónomo dunha vivenda unifamiliar situado no ámbito territorial da demarcación hidrográfica de Galicia Costa. O importe das subvencións será do 100 % do investimento da actuación proposta, até esgotar o crédito da convocatoria e co límite de 4.000 euros por vivenda unifamiliar.
Subvencionarán os investimentos realizados desde a data de publicación desta convocatoria e que os sistemas de saneamento autónomo a instalar se sitúen no ámbito territorial da demarcación hidrográfica de Galicia Costa. Ademais, as augas residuais deben proceder de vivendas unifamiliares e os rendementos de depuración a conseguir coas instalacións de depuración ou as porcentaxes mínimas de redución, cumpran os parámetros técnicos esixidos.
O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 9:00 horas do 6 de marzo de 2025 e finalizará ás 14:00 horas do 7 de abril de 2025.
Precisamente esta semana, trascendeu a intención da Xunta de declarar zonas vulnerables a nitratos na provincia da Coruña, no Salnés e na Limia, unha cuestión sobre a que hai polémica, pois os Concellos afectados e as organizacións agrarias pregúntanse que parte de responsabilidade disto hai no agro e que parte en augas residuais domésticas ou industriais.