Axudas de 72.000 euros para compensar perdas na IXP Faba de Lourenzá

O Consello da Xunta aproba unha liña de achegas para paliar os efectos do mal tempo nas colleitas dos últimos anos

Publicidade
Axudas de 72.000 euros para compensar perdas na IXP Faba de Lourenzá

Imaxe de arquivo.

O Consello da Xunta avaliou un informe da Consellería do Medio Rural que recolle a convocatoria dunha liña de axudas de 72.000 euros para produtores da IXP Faba de Lourenzá.

O obxectivo é cubrir os sobrecustos derivados das condicións meteorolóxicas adversas dos últimos anos, en especial polas choivas da primavera de 2024 que provocaron ataques fúnxicos. A publicación da convocatoria está prevista para a segunda quincena de xuño no Diario Oficial de Galicia.

Estas axudas están dirixidas a titulares de explotacións agrarias situadas na zona da IXP. As explotacións deben estar inscritas no Rexistro de plantacións e ter presentada a declaración de sementeira do ano 2024.

Cada hectárea sementada recibirá unha axuda de 2.000 euros. Segundo datos da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, poderían beneficiarse 19 persoas, cun total de preto de 36 hectáreas sementadas. A intención é cubrir a demanda total prevista.

O obxectivo destas achegas é fortalecer o sector agroalimentario galego, clave na economía da Comunidade pola súa calidade e variedade. As indicacións de calidade axudan ao desenvolvemento rural, xerando riqueza e fixando poboación.

Medidas complementarias

Esta liña de axudas compleméntase con outras accións da Xunta, como xornadas formativas no Centro Pedro Murias de Ribadeo. Nelas explícanse as vantaxes do emprendemento cooperativo e novas oportunidades agroalimentarias, ademais de analizar a situación actual da faba de Lourenzá en Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información