Axudas de 6,1 millóns de euros para apoiar a boa gobernanza das comunidades de montes veciñais de Galicia

Axudas de 6,1 millóns de euros para apoiar a boa gobernanza das comunidades de montes veciñais de Galicia

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, supervisou este luns estes traballos levados a cabo en Porto do Son

A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, vén de comunicar a concesión de axudas para o impulso da boa gobernanza nas comunidades de montes veciñais en man común a 1.056 beneficiarias por un importe de máis de 6,1 millóns de euros. Son obxecto de axudas un total de 1.870 expedientes, xa que cada comunidade beneficiaria pode ser subscritora de máis dun expediente. Esta convocatoria do ano 2021 é a primeira desta natureza.

A Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal acaba de informar de xeito electrónico a concesión destas axudas, que van dirixidas a catro tipos de actuacións. En primeiro lugar, as referidas ao apoio técnico profesionalizado á xestión forestal, con subvencións á xestión administrativa e técnica para o desenvolvemento dos instrumentos de ordenación ou xestión forestal aprobados. Tamén se contempla sufragar a certificación forestal do monte ou o seguimento das actuacións relacionadas, como a obtención de permisos administrativos, redacción de proxectos, memorias ou informes, tramitación de axudas públicas ou direccións de obra.

En segundo termo, prevense achegas para esbozos, que se concretarán, por exemplo, na revisión daqueles que recollen os límites dos montes veciñais, xa que unha boa parte deles presentan inexactitudes ou erros cartográficos. A terceira liña de axudas refírese aos deslindamentos parciais entre as comunidades de montes, para poder delimitar legalmente e dun xeito consensuado os límites entre as distintas propiedades. A cuarta actuación que se subvenciona ten que ver cos deslindamentos parciais entre as comunidades e terreos de particulares, coa mesma finalidade que a anterior.

Estas axudas están bianualizadas e practicamente a totalidade da contía concedida (sobre o 90%) correspóndese ao primeiro semestre do ano 2022. Unha vez aprobada a modificación do financiamento das axudas da convocatoria, as actuacións número 1 (Apoio técnico) e número 2 (Esbozos), están financiadas polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, o cal constitúe unha novidade no ámbito forestal de Galicia e do conxunto de España.

Tal e como se contemplaba na orde orixinal, as actuacións número 3 (Deslindamentos parciais entre as comunidades) e número 4 (Deslindamentos parciais entre as comunidades de montes veciñais en man común e terreos de particulares) están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, cunha achega do Feader do 75 %, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación do Goberno de España do 7,5 % e da Xunta de Galicia do 17,5 %.

Datos por provincias

Todas estas axudas van destinadas exclusivamente as comunidades de montes veciñais en man común inscritas no Rexistro de Montes Veciñais en Man Común regulado na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia. Por provincias, na da Coruña aprobáronse 124 expedientes a 85 comunidades, por un importe total de case 400.000 euros; na de Lugo deuse luz verde a 656 expedientes correspondentes a 328 beneficiarios, por un orzamento conxunto de máis de 2,1 millóns de euros; na de Ourense aprobáronse 650 expedientes a 367 comunidades de montes veciñais en man común por un importe total de case 2,1 millóns de euros e, finalmente, na provincia de Pontevedra foron 440 os expedientes aprobados, de 276 comunidades por un valor de máis de 1,5 millóns de euros.

Respecto aos obxectivos das axudas, a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal persegue a posta en valor dos montes veciñais en man común para contribuír á fixación de poboación no rural, así como á multifuncionalidade destes terreos e ao desenvolvemento sostible dos recursos mediante instrumentos de ordenación ou xestión forestal que axuden na anticipación aos lumes.

Nesa liña, búscase ademais incrementar o número de montes con certificación forestal baixo os sistemas PEFC ou o FSC, contribuír á loita contra o cambio climático mediante unha xestión axeitada que fixe mellor o carbono e reduza as emisións á atmosfera e, por último, fomentar a consolidación das masas de especies frondosas autóctonas, xa que os montes que alberguen este tipo de masa forestal que estean rexistradas ou en proceso de inscrición no rexistro correspondente terán prioridade para acceder ás axudas.

Segundo os datos do Rexistro de Montes Veciñais en Man Común, existen na actualidade 3.312 montes clasificados polos xurados provinciais, totalizando 664.230 hectáreas, o que dá unha cifra media de 220 ha por monte. Segundo os distritos forestais, o rango da superficie media varía de 92 a 430 ha. As cifras indican a grande importancia superficial e social deste tipo de propiedade privada e colectiva, aínda que a distribución dos montes veciñais en man común non é homoxénea nas catro provincias galegas. Así, o 39,2% destes montes sitúanse en Ourense, un 30% en Lugo, o 21,7% en Pontevedra e só un 9,1% na Coruña. Por outra banda, o número total de comuneiros en Galicia é de 122.734, cunha media de 44 comuneiros por monte.

Outras liñas de xestión forestal

Doutra banda, a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal tramitou ata o de agora pagamentos por máis de 14 millóns de euros, noutras diferentes liñas de axudas en materia de xestión forestal activa nos montes galegos, que presentaron o remate dos traballos no ano 2021. En concreto, trátase das ordes bianualizadas

Pasteiro en Porto do Son para previr os lumes no monte veciñal

A Xunta vén de executar un pasteiro de case 31 hectáreas nos montes veciñais en man común de Baroña, no concello coruñés de Porto do Son, para establecer unha área cortalume nunha zona afectada habitualmente polos incendios forestais. Así, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, supervisou este luns estes traballos levados a cabo no marco da primeira fase do Plan de pastos de Galicia, cun investimento próximo aos 145.000 euros.

Os referidos labores localizáronse nos lugares sonenses de Raña, Calvelle e Udres. En concreto, consistiron na implantación e recuperación dos pastos coa previa preparación do terreo, a súa fertilización e a sementeira de especies pratenses para o alimento do gando. Posteriormente, colocáronse e melloráronse os cercados perimetrais, establecéronse pasos canadenses e dotouse á comunidade de montes dunha manga de manexo.

Dende a Consellería asegurna que na primeira fase do Plan de pastos se executaron 14 pasteiros en montes veciñais galegos que superaban en total as 500 hectáreas. Na segunda fase, está previsto duplicar as cifras, actuando nunha trintena de pasteiros que suman preto dun milleiro de hectáreas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información