Axudas de 400 euros para vacas de raza Rubia galega en ganderías de Lugo

A Deputación de Lugo anuncia o programa 'Marela!', que conta cun orzamento de 200.000€ e beneficiará a 500 cabezas de gando desta raza autóctona. O Boletín Oficial da Provincia recollerá as bases o vindeiro luns, 2 de setembro, e as persoas interesadas terán 15 días hábiles para solicitalo dende o día seguinte á publicación

O deputado de Rural, Daniel García, durante a presentación do novo programa de axudas

O deputado de Rural, Daniel García, durante a presentación do novo programa de axudas

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo presentou este venres no Pazo de San Marcos Marela!, un novo programa para a promoción e potenciación das reprodutoras da Raza Rubia Galega inscritas nas explotacións da provincia de Lugo.

Esta nova iniciativa conta cun orzamento de 200.000€ e beneficiará a 500 animais con axudas unitarias de 400€ por animal, cun límite máximo de 6 animais por granxa que cumpran cos criterios establecidos nas bases, que serán publicadas o vindeiro luns, día 2 de setembro, no Boletín oficial da Provincia, e as explotacións teñen 15 días de prazo para solicitar estas axudas, que se concederán por orde de entrada por Rexistro.

Vacas inscritas no libro xenealóxico con máis de 40 puntos

Poden ser beneficiarias tanto as persoas físicas como xurídicas, titulares de explotacións gandeiras da provincia de Lugo, que críen animais bovinos de pura raza Rubia Galega, sempre que posúan cando menos unha femia reprodutora desta raza, nacidas nas propias granxas, que pasara o Rexistro Definitivo do seu Libro Xenealóxico durante o pasado 2023.

Os animais beneficiarios da axuda deben permanecer polo menos durante 3 anos na granxa

Ademais deben ter acreditado como mínimo un parto antes dos 30 meses, que superen unha cualificación lineal mínima de 40 puntos, que non posúan defectos e que obteñan un resultado positivo de filiación cos seus proxenitores (un test de paternidade e maternidade). Os animais beneficiarios da axuda deben permanecer polo menos durante 3 anos na granxa do titular solicitante, con posibilidade de subrogación dos dereitos.

As solicitudes tramitaranse en rigoroso orde de entrada, tal e como se recolle nas bases

O material necesario para a solicitude estará á disposición de todas as persoas interesadas no BOP da provincia de Lugo do 2 de setembro, así como na propia sección da área rural na páxina web da Deputación de Lugo. A documentación deberá rexistrarse a través da sede electrónica da Deputación de Lugo ou fisicamente no Rexistro provincial antes do 23 de setembro. As solicitudes tramitaranse en rigoroso orde de entrada, tal e como se recolle nas bases.

Un sector castigado polos efectos da EHE e a lingua azul

O deputado de Rural, Daniel García foi o encargado de detallar este programa que nace co obxectivo de promover o desenvolvemento do sector gandeiro, como sector estratéxico da economía da provincia, co fin último de propiciar as condicións óptimas para que se produza unha fixación real de poboación no medio rural.

Daniel García explicou que “con Marela! queremos apoiar a un sector que leva sendo castigado de xeito histórico e recorrente nos últimos anos, e máis recentemente durante a pandemia da COVID, a crise da guerra de Ucraína pola suba do conxuntos dos elementos que forman parte do proceso produtivo, a excesiva burocratización na tramitación das axudas da nova PAC e recente elevadísima incidencia da EHE e da lingua azul nos animais das ganderías”.

Queremos apoiar a un sector que leva sendo castigado de xeito histórico e recorrente nos últimos anos

“O sector do vacún de carne é un dos sectores económicos máis importantes do noso rural. Lugo conta con máis da metade de todas as granxas galegas, o que amosa un fiel reflexo do papel estratéxico deste sector no agro da provincia de Lugo. O sector primario é vital tanto desde un punto de vista económico, como social coa fixación de poboación no rural; como ambiental, pola xestión dos territorios do interior e da montaña e a prevención no risco de lumes forestais”, detallou o deputado.

“As vacas sempre foron, son e serán parte da nosa identidade como pobo e da nosa cultura, parte do noso sustento e da nosa familia”, defendeu así a creación deste programa que axudará a gandeiros e gandeiras da provincia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información