Axudas de 2,1 millóns de euros para Agrupacións de Defensa Sanitaria

Axudas de 2,1 millóns de euros para Agrupacións de Defensa Sanitaria

Administración convocante: Consellería do Medio Rural.

Enlace axuda: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200129/AnuncioG0426-090120-0011_gl.html

Prazo: Ata 28/02/2020

Resumo:

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan as axudas ás entidades recoñecidas como agrupacións de defensa sanitaria gandeiras (ADSG) de Galicia para o período 2020-2021. O orzamento para esta convocatoria ascende a un total de 2,1 millóns de euros.

A finalidade das axudas é mellorar o status sanitario das explotacións gandeiras galegas mediante a execución de programas zoosanitarios comúns para a prevención e control de enfermidades dos animais. Estes programas de planificación zoosanitaria deberán realizarse entre o 1 de marzo de 2020 e o 28 de febreiro de 2021.

Os apoios serven para abordar o control de determinadas enfermidades animais que habitualmente non son obxecto de programas nacionais, salvo no caso da rinotraqueite bovina infecciosa (IBR), na que o Estado estableceu un programa nacional voluntario en setembro de 2019.

Os gastos subvencionables serán os derivados da contratación de servizos técnicos veterinarios ou da remuneración do persoal veterinario responsable das agrupacións para a realización dos distintos programas zoosanitarios. Así mesmo, tamén se financiarán os gastos derivados da compra de material funxible como luvas e calzas, así como tubos de extracción de sangue e agullas.

Poderán optar a estas subvencións as entidades asociativas agrarias que estean inscritas no rexistro oficial de ADSG, quedando excluídas as formadas exclusivamente por cebadeiros de gando vacún. Así mesmo, deberán estar integradas por explotacións de produtores gandeiros en activo que teñan a condición de pequenas ou medianas empresas, ademais de estar ao día das obrigas tributarias e da Seguridade Social.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información