Axudas da Xunta, sen límite de importe total, para a reconstrución das zonas afectadas polos incendios

Contémplanse medidas específicas para paliar as perdas na colleita de viticultores e produtores de castaña e resto de produción agrícola ou a morte de gando e abellas

Publicidade
Souto queimado en Valdeorras. Foto: Arquivo

Souto queimado en Valdeorras. Foto: Arquivo

Inmediatamente despois de remitir a ola de incendios forestais rexistrada este verán na Comunidade, a Xunta de Galicia celebrou un Consello extraordinario en Ourense no que aprobou unha liña de axudas directas para impulsar a reconstrución das zonas afectadas polo lume. Trátase de achegas dirixidas a apoiar os cidadáns e os concellos, con axudas para a recuperación de vivendas, explotacións agrogandeiras, negocios ou instalacións municipais. Poden solicitarse a partir do 1 de setembro.

Todas as persoas que teñan dereito ás axudas van recibilas, sen límite de importe total, explica o Goberno galego, na medida en que o obxectivo para por chegar ao máximo número de beneficiarios que teñan dereito.

Para a Xunta de Galicia resulta prioritario que a reconstrución sexa o máis rápida posible”. As axudas aprobadas polo Consello serán compatibles coas do Executivo estatal sempre que a suma total dos fondos non supere o total do dano provocado polo lume.

Para axilizar e resolver dúbidas sobre a tramitación destas achegas, a Xunta habilitou, 16 oficinas de atención aos afectados polos incendios nas que traballarán medio centenar de empregados públicos. Ademais, tamén está á disposición dos cidadáns o teléfono de información 012, que se verá reforzado.

Apoio á reconstrución de vivendas

O paquete de medidas aprobado polo Consello extraordinario inclúe apoios para a reconstrución das vivendas que sufriron danos a consecuencia dos incendios, con diferentes contías en función de se o inmoble afectado era o domicilio habitual ou unha segunda residencia.

No caso das vivendas de uso habitual ou permanente, os propietarios poderán recibir ata 132.000€ para a súa rehabilitación ou para a súa reconstrución, ou adquirir unha nova vivenda se o inmoble fose declarado ruinoso. Do mesmo xeito, haberá axudas para renovar o enxoval doméstico con contías de ata 16.200€.

Cando se trate da segunda residencia, os titulares terán dereito a axudas de ata 66.000€ para a rehabilitación ou a reconstrución da mesma. Ademais poderán recibir ata 5.400€ para mobles e utensilios domésticos.

Quedan fóra destas achegas aquelas casas que estivesen abandonadas no momento de producírense os lumes.

Ademais, os afectados polos incendios tamén poderán beneficiarse de axudas complementarias para o realoxo mentres se rehabilitan as vivendas danadas sempre que fose domicilio habitual do solicita. Por unha parte, a través das medidas derivadas dos convenios e acordos con concellos e entidades de apoio a estes veciños e, por outra, co acceso ao Bono alugueiro social. Neste caso, os afectados poderán recibir ata o 100% da renda do alugueiro -sempre que non superen os límites fixados por concellos que rexen nas bases deste Bono- e unha achega extra de 600 euros para sufragar os gastos do aloxamento provisional, do transporte ou da mudanza.

As achegas de Vivenda poderán solicitarse ata o vindeiro 28 de novembro.

Explotacións agrogandeiras e forestais

As medidas aprobadas pola Xunta contemplan diferentes liñas de axudas para apoiar as explotacións agrícolas, gandeiras e forestais das zonas afectadas polo incendios. Todas elas cubrirán o 100% do investimento, cun límite máximo en función do tipo de axuda que nalgúns casos pode chegar aos 200.000 euros por persoa.

No caso das explotacións agrogandeiras e co obxectivo de chegar ao maior número posible de beneficiarios, a Xunta vai favorecer a flexibilidade nos trámites.

Os titulares poderán solicitar axudas para a reparación de bens, maquinaria, equipamento ou medios de produción das explotacións. No caso de que quedasen inutilizados, poderían ser substituídos por maquinaria nova ou de segunda man. A contía máxima será de 200.000 euros/persoa. Ademais habilítase unha achega para a adquisición de alimentación complementaria para o gando en extensivo ou as colmeas superviventes nas zonas afectadas, para un período máximo de 6 meses. A contía máxima será de 15.000 euros/persoa.

A Xunta tamén indemnizará os gandeiros e agricultores por perdas na produción ou animais. No primeiro caso, haberá achegas de 12.700€/hectárea para os produtores de viño, de 1,22€/quilo para os de castaña, a indemnización pola perda de forraxe calcularase en función do estado (sen recoller, pacas, ensilado) e no resto de produtos serán con base nos valores dos prezos establecidos na liña de seguros agrarios. En canto, ás axudas para paliar a morte de gando ou abellas estimaranse segundo o tipo de especie e a idade do animal. No caso do gando bovino, establécese un máximo de 1.600 euros por animal maior ou igual a 18 meses e menor de 120.

Los ganaderos tuvieron que poner a salvo del fuego montones de rulos de hierba

Área queimada no Macizo Central de Ourense. Foto: Arquivo

Habilitaranse ademais outras catro liñas de axudas para reparar os danos nas explotacións forestais. A Xunta dará ata 15.000€ para a reparación dos danos causados a infraestruturas de titularidade privada como pistas forestais, captacións de augas, cerramentos, bebedoiros ou comedeiros. Poderá recibirse un máximo de 50.000€ para a reparación da maquinaria e equipamento forestal danados en tarefas de colaboración na extinción dos incendios forestais ou ocasionados por estes. No caso de que quedasen inutilizados poderán ser substituídos por maquinaria nova ou de segunda man. Ademais, haberá axudas para os gastos da madeira amoreada queimada e de corta, recollida e estelado da madeira queimada non comercial ou traballos de sinalamento, cubicación e/ou taxación de madeira comercial en montes de xestión pública cun máximo de 50.000€ por persoa e ata 100.000€ para plantacións substitutorias. O prazo de solicitude será dun mes.

Achegas para os centros produtivos e negocios afectados

A Xunta impulsa, ao tempo, unha liña de axudas directas para apoiar as empresas afectadas pola vaga de incendios. A determinación do importe total das axudas efectuarase unha vez que sexan resoltas as solicitudes presentadas atendendo ao carácter extraordinario destas e á súa natureza de concesión directa e non competitiva.

As subvencións permitirán cubrir ata o 100% dos danos producidos, conforme a valoración recollida nun informe de taxación, cun límite de 600.000 euros por beneficiario. De xeito excepcional, e atendendo á gravidade dos danos e ao seu impacto socioeconómico, a contía poderá ampliarse ata un máximo de 1,5 millóns de euros, especialmente cando estea en risco o mantemento do emprego.

A convocatoria abrangue os danos ocasionados en edificacións, instalacións, maquinaria, mercadorías ou vehículos comerciais e industriais asociados á actividade. Non serán obxecto desta liña as explotacións agrícolas, gandeiras ou forestais. Tampouco as actividades de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica, agás aquelas instalacións de xeración de enerxía eléctrica incluídas no propio establecemento.

As axudas terán carácter subsidiario e complementario, polo que serán compatibles con outras indemnizacións públicas ou privadas, sempre que a suma total non supere o 100% dos danos. Neste caso, os beneficiarios deberán comprometerse a manter a actividade afectada durante polo menos un ano a partir da concesión da axuda, prazo que se estenderá a tres anos no caso de recibir unha achega superior aos 600.000 euros.

Con esta medida o Goberno galego busca dar unha resposta rápida e eficaz ao impacto económico da vaga de lumes, mostrando o seu compromiso co tecido empresarial galego e coa recuperación das zonas máis afectadas. O prazo de solicitude abrirase o día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia e permanecerá aberto durante un mes.

A Xunta vai iniciar unha serie de reunións cos establecementos turísticos afectados por cancelacións ou perda de produtos para avaliar os danos e convocar unha liña de axudas específica para apoiar ao sector.

Colaboración cos concellos

O decreto aprobado polo Consello extraordinario tamén establece axudas a entidades locais para facer fronte aos gastos derivados das actuacións realizadas como consecuencia dos incendios, así como polos danos ocasionados en bens de titularidade municipal. Estas achegas determinaranse a través de convenios de colaboración cos concellos para colaborar nos seus gastos de obras de reparación, mantemento ou reposición das infraestruturas, equipamentos ou bens municipais afectados polos incendios, así como de adquisición de material para a reposición dos servizos afectados.

Estas axudas tamén cubrirán os custos de limpeza e restauración ambiental ou de alugueiro, combustible e reparación de maquinaria e vehículos. Ademais, financiaranse os gastos de traslado, aloxamento e mantemento da poboación evacuada ou do persoal, tanto propio como dos efectivos do operativo de extinción, que o concello tivese que asumir. Como novidade, respecto á orde de axudas publicada en 2022 polo mesmo motivo, inclúense entre as actuacións subvencionables o resarcimento dos gastos en que incorresen os veciños pola súa colaboración na extinción.

Achegas a Tecores

Por outra parte, poranse á disposición dos titulares de infraestruturas de uso público afectadas polo lume na Rede galega de espazos protexidos e as Reservas de biosfera axudas económicas para cubrir ata o 100% dos custos de restauración, cun importe máximo de 20.000 euros por proxecto en caso de que a titularidade sexa dun monte veciñal en man común e de 40.000 euros se o beneficiario é un concello.

As actuacións subvencionables con cargo a esta orde inclúen a reposición ou reparación de elementos estruturais de sendas e rutas sinalizadas, entre eles sinais, miradoiros, varandas de madeira e tramos de pasarelas do mesmo material; de distintas infraestruturas e instalacións de interpretación do medio natural, como carteis e outros, e de elementos de áreas recreativas localizadas en espazos protexidos.

Convocouse unha segunda orde de axudas para compensar os titulares de terreos cinexeticamente ordenados (tecores) afectados polos incendios forestais deste verán en Galicia. Con estas achegas cubriranse gastos de sementeira de cereais (ata 650 euros por hectárea, cun límite máximo por entidade de 30.000 euros), que serven de alimento á fauna silvestre e contribúen a restaurar tanto os hábitats cinexéticos como os solos afectados, e tamén actuacións de recuperación, reparación e reposición de infraestruturas ou instalacións (refuxios, fontes, bebedoiros e comedeiros para animais, cercados, tobeiras etc.) destruídas ou danadas polo lume, cun importe máximo de 12.000 euros por solicitante.

Os beneficiarios poderán solicitar o anticipo do 100% da axuda concedida sen necesidade de prestar garantía (é dicir, sen ter que formalizar un aval ou fianza), unha medida excepcional que se adopta neste caso para facilitar e axilizar o acceso dos afectados aos fondos mobilizados pola Xunta. O prazo para presentar as solicitudes será dun mes desde a publicación de ambas convocatorias no DOG e os beneficiarios poderán xustificar as actuacións subvencionables ata o 30 de outubro de 2026.

Indemnizacións por danos físicos ás persoas

O Goberno galego habilitou axudas en relación cos danos persoais causados polos incendios. No caso de falecemento ou incapacidade permanente absoluta, a contía será de 87.500 € e no caso de lesións que motiven o ingreso hospitalario da persoa ferida, a axuda recibida será de 120 € por día de hospitalización. O prazo de solicitude será dun mes que contará desde o día do falecemento, da declaración da incapacidade permanente absoluta ou da alta hospitalaria.

Alivios fiscais para os cidadáns afectados polos lumes

A maiores, a Xunta facilitará o cumprimento das obrigas tributarias ás persoas con domicilio fiscal nos concellos afectados polos incendios forestais, ou que, sen ter domicilio fiscal nos concellos afectados, tiveran un establecemento comercial, industrial, turístico ou mercantil ou explotacións forestais, agrícolas ou gandeiras radicadas neles. Así, ampliaranse os prazos que non estiveran vencidos no inicio dos incendios para a presentación e o ingreso de declaracións, autoliquidacións e documentación complementaria dos impostos aplicados pola Atriga (sucesións, doazóns, transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, compravenda de vehículos e os impostos propios) e para solicitar a prórroga para a presentación da autoliquidación do imposto de sucesións.

Ademais, aliviará as cargas fiscais, aprobando medidas nunha lei que se aplicará de xeito retroactivo, como eximir a carga impositiva da auga utilizada como consecuencia dos incendios (canon da auga e canon de xestión de depuradoras) ou as taxas asociadas ás tramitacións autonómicas que deban realizarse como consecuencia dos incendios, derivados da perda de vehículos ou da vivenda.

Por outra banda, a Xunta vai exixir ao Goberno central que reduza ou exima dos pagamentos dos impostos tal e como establece a Lei coa declaración de zonas catastróficas. No caso de que no Estado non leve a cabo estas accións, será a Xunta a que adopte estas medidas dentro das súas competencias.

Máis información sobre as distintas liñas de axudas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información