O Consello da Xunta deste luns vén de coñecer que están a piques de pagarse as axudas ás persoas produtoras da indicación xeográfica protexida (IXP) Faba de Lourenzá. Estas achegas, convocadas o pasado 27 de xuño pola Consellería do Medio Rural, están destinadas a cubrir parcialmente os sobrecustos que implica producir este feixón galego con estándares de calidade superiores aos comúns.
A convocatoria enmárcase nun contexto especialmente complexo para o sector, marcado polas malas colleitas de 2023 e 2024, que obrigaron a desbotar unha parte importante da produción por mor das condicións climáticas adversas. En resposta a esta situación, habilitouse un orzamento inicial de 72.000 euros, cunha contía máxima de 2.000 euros por hectárea sementada.
No total, recibíronse 19 solicitudes a totalidade das persoas titulares das explotacións acollidas á IXP que declararon sementeira en 2024 e, logo da súa revisión, aprobáronse 18, por seren as que cumprían os requisitos. O orzamento final destinado a estas axudas ascende así a algo máis de 68.000 euros.
Estas achegas permitirán ás persoas produtoras facer fronte aos sobrecustos derivados dunha produción moi exixente, que implica seleccionar unicamente feixóns da categoría extra, completamente limpos, sans e exentos de defectos, segundo recolle o prego de condicións da IXP. Ademais, as choivas intensas da primavera de 2024 provocaron graves ataques fúnxicos que afectaron severamente a colleita, cunha porcentaxe de produto apto para a indicación moito menor que en anos anteriores.
Trátase da primeira vez que se convocan axudas específicas para a IXP Faba de Lourenzá. Ademais desta achega directa, o Goberno autonómico vén desenvolvendo outras accións de apoio á IXP Faba de Lourenzá, como o impulso da formación a través de xornadas no centro Pedro Murias, co obxectivo de fomentar entre as persoas produtoras a incorporación de prácticas agronómicas que contribúan a mellorar a rendibilidade e a calidade do cultivo, como a rotación de cultivos, os marcos de plantación ou a eliminación de viroses na semente.
Porén, dende o Sindicato Labrego Galego criticaron o deseño destas achegas, pois a Consellería do Medio Rural non tivo en conta a súa demanda de que nestas axudas directas se incluísen á totalidade de produtoras e produtores de faba, e non únicamente ás 19 explotacións agrícolas inscritas na IXP Faba de Lourenzá.
Galego









Control OJD