Axudas da PAC 2026: O vindeiro sábado, 21 de febreiro, abrirase o prazo de solicitude en Galicia

Prevese que a campaña deste ano supoña para o agro galego unha achega total de preto de 220 millóns de euros, semellante ás anteriores dentro do Plan Estratéxico da PAC (Pepac) 2023-2027, que beneficiarán a uns 23.000 produtores

paisaxeRuralEFAfonteboaA Xunta publicará este venres, día 20 de febreiro, no Diario Oficial de Galicia (DOG) a orde anual de convocatoria das axudas da PAC, coa que se prevé beneficiar uns 23.000 agricultores e gandeiros na comunidade. Desde o día seguinte á publicación, as entidades colaboradoras conveniadas co Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) poderán empezar a gravar e presentar as solicitudes, cun prazo que permanecerá aberto ata o vindeiro día 30 de abril de 2026.

As axudas da PAC contan con dúas vías de financiamento: o Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

Sumando ambas aportacións, a previsión é que a campaña de 2026 supoña para o agro galego unha achega total de preto de 220 millóns de euros, semellante ás anteriores dentro do Plan Estratéxico da PAC (Pepac) 2023-2027.

Neste caso, a orde que se publicará no DOG, a denominada solicitude única, está dotada con 37 millóns de euros de fondos Feader na anualidade 2026, á marxe das axudas de xestión extraorzamentaria (Feaga), non cuantificadas na convocatoria pero que se estiman nuns 180 millóns de euros de axudas directas, unha estimación en base aos pagos realizados na campaña anterior.

Polo tanto, a maior parte do financiamento corresponde a fondos Feaga, que teñen unha xestión extraorzamentaria. É dicir, non se convocan mediante unha orde específica nin teñen un orzamento definido, senón que a súa contía dependerá das solicitudes que finalmente se rexistren no conxunto de España, dado que se produce un rateo dos fondos nacionais entre as solicitudes que cumpran os requisitos.

En relación coa campaña de 2025, que aínda non está finalizada, a Xunta de Galicia asegura que pagou xa preto de 170 millóns de euros aos produtores galegos e queda só pendente de aboar o 10 % das axudas directas e as agroambientais, para o cal hai marxe ata finais de xuño. A última campaña rematada é a de 2024, que contou cun orzamento total de preto de 217 millóns de euros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información