Axudas da Deputación de Pontevedra para crear 18 parques forestais

Axudas da Deputación de Pontevedra para crear 18 parques forestais

O vicepresidente da Deputación, César Mosquera.

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar en Xunta de Goberno o reparto de máis de 519.900 euros en axudas a concellos para crear novos parques forestais na provincia de Pontevedra. Segundo explicou o vicepresidente César Mosquera beneficiaranse 18 concellos, que poderán tanto redactar proxectos como executar actuacións en monte.

O vicepresidente destacou que a aprobación destas subvencións é unha mostra máis do compromiso da Deputación de Pontevedra coa mellora do monte na provincia, cuxa situación preocupa ao responsable nacionalista, que insiste en cualificar o seu estado como “o primeiro problema ambiental da Galiza”.

Mosquera lembrou que estas axudas son unha parte do traballo provincial na liña de buscar solucións á problemática actual, e lembrou que nestes momentos unha equipa de expertos coordinada pola Universidade de Vigo está a realizar un traballo de análise sobre os incendios forestais para intentar buscar solucións e paliar as súas consecuencias de cara ao medio e longo prazo. De feito, dixo, existe xa unha cartografía e unha tipoloxía de comportamento dos lumes en función do terreo, das especies forestais e do seus usos.

Na Xunta de Goberno do venres aprobouse destinar 71.783,11 euros á redacción de novos proxectos (Liña 1) para 14 parques forestais nos montes da provincia. En concreto, concedéronse axudas ao concello de Forcarei, para o parque forestal de Berrozo; ao concello de Marín, para o parque de Lagocheiras; ao de Arbo, para o parque de San Xoán; ao concello de Nigrán, para o parque de Os Matos-Río Táboas; ao municipio de Catoira, para o parque forestal homónimo; ao concello de Barro, para o parque de Monte dos Casás; ao de Covelo para o parque de Val de Tielas; ao de Moaña, para o parque de Monte Paralaia; ao concello de Ponteareas para o parque de Guillade; ao concello de A Lama para o parque da comunidade de montes de Antas; ao concello de Ponte Caldelas para o parque homónimo; ao Concello de Bueu para o parque de Cabo Udra; ao concello de Poio para o parque de Monte Castrove; e ao Concello de Vilaboa para o parque de Monte das Barreiras. As cantidades subvencionadas van entre os 2.520 euros do concello de A Lama e os 8.400 euros do Concello de Poio para o deseño de mellora do Monte Castrove.

Por outra banda, na Liña 2, de execución de actuacións xa redactadas en proxectos anteriores, beneficiaranse 10 concellos e 13 proxectos, algúns deles subvencionados na Liña 1 da primeira convocatoria de axudas provinciais (2017). Foron subvencionados o municipio de Arbo, para o parque de Bouza de Miguel (con 38.271 euros de subvención); o de Cangas, para o parque de Varalonga (41.958 euros); o de Forcarei, para o parque de Berrozo (31.388 euros entre a Liña 1 e 2); para o concello de A Guarda, con 43.159,02 euros) para os parques de Camposancos e Santa Tegra; o de Illa de Arousa, con 52.200 euros; o de Marín, para San Xulián, con 24.975 euros; o de Moaña, para o Monte da Paralia, con 37.682 para a Liña 1 e a Liña 2; o concello de Mondariz, con 58.203 euros para a execución de melloras nos parques de Xabriña-Regreiro de Brete e Gargamala; o concello de Ponteareas, con 90.368 euros para os parques de Seixiforna Viveiro e Picaraña; e, finalmente, o concello de Vilaboa, para o parque de Monte das Barreiras con 45.167,56 euros entre a Liña 1 e 2.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información