Axudas da Deputación de Pontevedra a 14 cooperativas agrogandeiras da provincia

Axudas da Deputación de Pontevedra a 14 cooperativas agrogandeiras da provincia

Visita do presidente da Deputación, Luis López, á cooperativa Horsal, en Cambados.

Cooperativas de Cambados, Forcarei, Lalín, Meaño, Moaña, Pontevedra, Rodeiro e O Rosal recibirán ata un máximo de 29.000 euros para afrontar investimentos. Así o vén de facer pública o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, que destaca a aposta do ente provincial no apoio ó agro.

“Para este goberno provincial o sector primario é fundamental polo importante peso que ten na economía, pola súa estreita relación coa saúde e por ser un factor indispensable para facer fronte ao reto demográfico”, sinalou López.

As axudas destínanse a 14 cooperativas agrogandeiras, que recibirán un total de 250.000 euros para distintos proxectos de investimentos.

Deste xeito, a través destas axudas provinciais poderán desde adquirir nova maquinaria como envasadoras, liñas automáticas de pesaxe e etiquetaxe, sementadoras, distribuidoras de herba ou máquinas forestais, ata mercar furgonetas e tractores, equipamentos informáticos e mobles ou, entre outras iniciativas, afrontar gastos de asesoramento e mellorar procesos ou servizos prestados.

En Lalín recibirán axudas provinciais sete cooperativas: Aprodeza (21.400 euros), Campodeza (27.200 euros), Cooperativa Gandeira de Botos (16.300 euros), Gandeiros do Deza (23.300 euros), Valle del Deza (5.800 euros) e Xuncoga (13.600 euros). As axudas provinciais serviranlles para adquirir maquinaria agroforestal, equipamentos informáticos e mellorar a eficiencia lumínica.

Tamén recibirá apoios Cobideza (Lalín), que recibirá 29.000 euros para adquirir equipamento informático e realizar melloras na queixería e nos servizos aos socios. No Deza, o listado de apoios complétase con O Rodo, de Rodeiro, que recibirá 21.000 euros para adquirir equipamento informático e maquinaria agrícola.

En Terra de Montes, a Cooperativa de Forcarei recibirá 27.000 euros para comprar unha sementadora, un distribuidor de herba e equipamento informático.

Apoios nas Rías Baixas
Pola súa banda, en Meaño serán dúas as cooperativas que se beneficiarán dos recursos provinciais: A Milpa do Salnés e Cooperativa Vitivinícola Arousana, que recibirán 9.500 e 29.000 euros respectivamente para recibir asesoramento para estudar as características organolépticas das fariñas de millo galego e para adquirir dous tractores para labores vitivinícolos.

Ademais, Horsal, de Cambados, beneficiarase de 29.000 euros destas axudas provinciais para adquirir unha envasadora e unha liña automática de pesaxe e etiquetaxe; A Meixoeira, de Moaña 1.500 euros para mercar mobiliario, equipamento informático e mellorar os procesos na súa queixería; e Porta Río Miño, do Rosal, 7.000 euros para comprar unha furgoneta e diverso equipamento informático de oficina.

Precisamente, o presidente da Deputación, Luis López, visitou onte unha destas cooperativas, Horsal, en Cambados, para abordar coa súa directiva a situación do sector e os apoios que lles prestará o organismo provincial este ano.

“Os apoios aportarán un plus en canto a competitividade e na procura da excelencia e innovación desta cooperativa, que naceu en 1985, foi fundada por 16 agricultores, e hoxe ten a máis de cen familias implicadas, sendo un gran referente no ámbito da horta atlántica”, subliñou o presidente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información