“Axudamos ás explotacións a profesionalizar a súa recría para ser máis rendibles”

Recría Castro, impulsado pola Deputación de Lugo como centro público pioneiro en España, dá servizo a 60 granxas e 2.600 animais. O control sanitario é unha das súas premisas para maximizar o crecemento das xovencas. Coñecemos como traballan

Juan Aguiar é desde fai 2 anos e medio o xerente de Recría Castro

Juan Aguiar é desde fai 2 anos e medio o xerente de Recría Castro

Recría Castro é o único centro público de recría de vacún de leite que existe en España. Impulsado pola Deputación de Lugo nas instalacións da Granxa Gayoso Castro e xestionado mediante unha concesión a 25 anos por Seragro, acolle neste momento a 2.600 animais procedentes de 60 granxas, todas elas da provincia de Lugo agás 2 de concellos limítrofes situados xa na provincia da Coruña.

“Ao ser un centro dependente da Deputación de Lugo teñen prioridade as granxas da provincia de Lugo, pero en caso de ter espazo tratamos de completalo con outras granxas próximas”, detalla.

O tamaño medio das explotacións que empregan os servizos do centro de Recría Castro é de 70 vacas en muxidura pero existe unha grande disparidade. “O noso maior cliente neste momento é de Monforte e moxe 400 vacas e o máis pequeno, que é de Taboada e que se vai xubilar agora, moxe 7; nós damos servizo a todo tipo de granxas”, valora o xerente das instalacións.

Recría Castro dá servizo a granxas grandes e pequenas e para entrar teñen prioridade as situadas na provincia de Lugo

O centro de recría sitúase en Castro Ribeiras de Lea nunha parcela de 180 hectáreas propiedade da Deputación de Lugo, na que se encontran as naves que albergan aos animais, construídas tras un investimento de 12 millóns de euros, e 160 hectáreas de produción forraxeira de herba e millo, unha parte delas dotadas de regadío.

Recría Castro púxose en marcha no ano 2018 e, tras 7 anos de funcionamento, busca gañar en eficiencia grazas á tecnoloxía. O equipo técnico está formado por Juan Aguiar como xerente e dous veterinarios, María, que se encarga da parte clínica, do control sanitario das granxas de orixe, así como da entrada e do seguemento diario dos animais, e Luis Díaz, que leva a reprodución.  Falamos con eles para coñecer como traballan.

Profesionalizar a recría

As principais vantaxes de traballar cun centro coma este teñen que ver coa profesionalización da recría. “Aquí os animais están controlados en todo momento, non tes que investir en instalacións que tes que amortizar e que a día de hoxe son moi caras, nin tampouco en man de obra ou en forraxes, podendo destinar eses recursos a ter maior capacidade de produción de leite na explotación”, di Juan.

“Se te podes centrar en producir leite terás mellor calidade de vida, os animais mellor coidados e mellores resultados porque se en vez de dar 20 kg de silo de millo ás vacas que tés dando leite lles podes darlles 30 kg ou facer pastone estarás abaratando a túa ración para obter maior rendibilidade por litro de leite producido”, argumenta.  

As vacas secas eran antes as grandes esquecidas nas explotacións, agora fáiselles algo máis de caso, pero na recría aínda hai moito marxe de mellora en moitas granxas

O xerente de Recría Castro fai fincapé nos beneficios que aporta contar con bos animais de reemprazo nas explotacións. “As secas eran antes as grandes esquecidas nas explotacións, agora fáiselles algo máis de caso, pero na recría aínda hai moito marxe de mellora en moitas granxas. Penso que é o seguinte reto, porque cando se lle presta atención, vense os resultados”, asegura.  

Controis sanitarios estritos á entrada dos animais

María é a veterinaria responsable da granxa

María é a veterinaria responsable da granxa

As becerras entran nas instalacións a partir das 3 semanas de vida e saen con 7 meses de preñadas, polo que botan no centro unha media de entre 21 e 22 meses. Todas as semanas teñen lugar entradas e saídas de animais do centro, nun número que flutúa entre 30 e 60 á semana. A recollida dos animais nas explotacións realízana con medios propios directamente, mentres que o reparto das xovencas ás granxas de orixe é efectuado a través de transporte externo.

A entrada ás instalacións prodúcese cunha media de 20 días de vida, en canto reciben os resultados da proba de cartílago que certifica que son negativas a BVD. A maiores, contan con outras esixencias mínimas: “As becerras teñen que ser libres a IBR, BVD e paratuberculose e as explotacións de orixe dos animais teñen que levar un mínimo de 5 anos en ADSG e as nais ser negativas a BVD e paratuberculose”, aclara Juan.

Aquí o tratamento é o mesmo para todos os animais, pero nótanse diferenzas abismais en función do trato que recibiron na casa os primeiros 20 días

Á entrada realizan un chequeo veterinario. Nesa revisión xeral á entrada, de xeito rutinario, miran o pulmón con ecografía, as diarreas neonatais con mostras rápidas, o embigo e calquera outra cuestión que poidan detectar, como febre, artrose un posible golpe no transporte, etc.

Proceden entón ao descornado con anestesia e analxesia e comezan coas pautas vacunais de virus respiratorios, desparasitacións e control de mosca e mosquito, en función da época do ano e as xatas quedan en boxes individuais.

Período de vixiancia e cuarentena

Unha becerra no box individual na primeira semana de chegada ao centro

Unha becerra na primeira semana de chegada ao centro

“Realizamos controis estritos á entrada, porque nolos esixe a Xunta e tamén nolos esiximos nós, porque un dos retos dun centro deste tipo é o de mesturar animais de distinta procedencia”, recoñece María.

“O máis problemático aquí quizais sexan as pneumonías debido á conxunción de varios factores: distintas granxas, o estrés do transporte, os cambios na alimentación, etc. Outro dos problemas que notamos nas entradas son as onfalitis, por problemas de mala desinfección do ombligo nas explotacións de orixe, polo encamado, o lugar onde paren as vacas, etc. Quizais sexan as dúas cuestións máis problemáticas aquí á hora da entrada”, indica.

O período de vixiancia establecido en Recría Castro é de 15 días para as xatas que quedan na UCI na zona de cuarentena, mentres que se reduce a una semana no caso dos animais que xa pasan directamente á zona da granxa tras superar a revisión inicial.

Hai que tratar de previr o máximo posible os contaxios aquí mediante a vacinación en granxa

Fan tamén especial énfase nos protocolos de vacinación dos animais durante todo o tempo que pasan no centro, insistindo tamén na necesidade de vacinación previa nas explotacións. “É moi importante que se vacine en granxa ás vacas secas fronte ás diarreas neonatais e clostridium para previr un posible contaxio despois aquí. Nós recomendámoslles que o fagan, pero no é obrigatorio”, indica María.

Adaptación ao sistema de manexo

RECRIA CASTRO becerras boxes individuais semana de entrada ao centro

Zona de boxes individuais

Tratan tamén de unificar no posible o manexo nas granxas de orixe para facilitar a súa adaptación á chegada ao centro. “Cada xata vén tratada dun xeito distinto porque unhas xatas toman lactoreemprazante e outras leite de vaca, unhas maman en caldeiro e outras en biberón, unhas granxas usan tetina semibranda e outras non, e todas se teñen que adaptar ao noso sistema de manexo. Iso xéralles un estrés, que se suma ao do propio transporte”, asegura.

Para as becerras, nas primeiras semanas, é mellor o leite de vaca que o lactoreemprazante, pero se esa adaptación non a fixeron na casa teñen que facela aquí

 “Por iso nós tratamos de falar coas explotacións para que todas elas lles dean ás becerras na casa o mesmo manexo para tratar de ter unha entrada o máis homoxénea posible, pero ao final iso vai moito nas preferencias de cada gandeiro”, relata.

“Aquí o tratamento é o mesmo para todos os animais, en canto a alimentación e manexo, pero si que se notan diferenzas entre clientes en función da xenética e sobre todo do trato que reciben as becerras pequenas neses primeiras tres semanas que pasan nas explotacións de procedencia, diferenzas en canto a crecemento e en canto a fertilidade, xa que unhas gañan mellor quilos ca outras ou unhas empreñan moi ben e a outras cústalles máis quedar xestantes”, asegura.

Destete progresivo aos 90 días

Lote de 4 xatas no momento previo ao destete

Lote de 4 xatas no momento previo ao destete

Á chegada ao centro, as xatas reciben dúas tomas diarias de lactoreemprazante de 3,5 litros, que teñen unha maior concentración nos meses do inverno. A temperatura de preparación tamén varía, tratando de que chega sempre ao animal entre 38,5 e 40 grados.

“Iso fai que no verán preparemos o leite a 55 ºC e o envasemos a 41ºC e no inverno teñamos que envasalo a 44ºC. Medimos a temperatura cando envasamos a primeira e a última botella e a concentración de cada máquina que preparamos para que non haxa unha desviación de máis de 0,5 grados brix”, detalla.

Medimos a concentración de cada mestura que preparamos e a temperatura da primeira e a última botella que envasamos

“Damos dúas tomas por temas de persoal, pero se puideramos dariamos tres, porque para as becerras é mellor”, recoñece Juan. As xatas están en boxes individuais até os 50 días, tomando leite e penso, un preestarter que teñen á súa disposición desde o primeiro día, igual que herba seca.

Entre os 45 e os 50 días, as becerras saen do box individual e pasan a outro colectivo en grupos de 4 animais. “Nese momento pesamos e seguimos cos protocolos vacunais”, contan. Os pesos nese momento andan nos 65 quilos de media (na entrada a media é de 41 kg), cunha ganancia media nesta primeira etapa de entre 0,6 e 0,8 kg/día”, explican.

O destete prodúcese aos 90 días, cunha estratexia de destete progresivo na que das 2 tomas de 3,5 litros pasan a 2 tomas de 2 litros e logo a 1 toma de 2 litros. O peso medio sitúase neste momento nos 95 kg, mentres que o obxectivo é estar por enriba dos 90 kg. Nesta segunda fase a ganancia media sitúase entre 0,8 e 1 kg/día.

Movemos de lote ás xatas por peso até a inseminación e unha vez preñadas, por parto previsto

Tralo destete, mantéñense en grupos de 4 animais alimentadas con penso e herba seca até que teñen entre 130 e 150 días, dependendo do lote, con pesos que se sitúan entre os 150 e os 170 kg, con ganancias medias de entre 1,1 e 1,3kg/día. “Sempre que facemos pesadas, se detectamos un animal que está por embaixo ou por enriba, téntase poñer noutro lote con pesos similares para que vaian avanzando cos do seu tamaño”, explica Juan.

Ración a partir dos 5 meses

En torno aos 5 meses, as xatas pasan a estar en grupos de 10 animais, inícianse os protocolos vacunais de IBR, BVD e clostridium e empezan a ser alimentadas con ración unifeed elaborada en carro mesturador.

Dispoñen de carro mesturador propio e fan distintas racións dependendo da idade dos animais. Nas máis pequenas meten silo de herba, silo de millo, palla e concentrado e conforme van medrando incorporan o bagazo de cervexa. Posteriormente retírase o silo de millo e a soia, que é substituída pola colza.

Antes dos 6 meses traballan con soia e posteriormente substitúena por colza como materia prima

“A medida que as xatas van medrando imos substituíndo a soia pola colza e o silo de millo polo silo de herba. Segundo imos vendo a condición corporal dos animais, así imos variando a ración. Non temos un nutrólogo que vén unha vez ao mes, senón que levamos un seguemento diario que nos permite ser moito máis áxiles á hora de facer modificacións na ración, que confeccionamos e adaptamos aquí. Tomamos pesos en báscula cada vez que cambiamos de lote aos animais e iso permítenos ter datos reais e ir xogando coa ración para ir axustándoa ás súas necesidades. Temos unha capacidade de resposta moito máis rápida”, destaca.

Paso a cubículo aos 9 meses

Lote de xovencas preñadas

Lote de xovencas preñadas

As xatas están en cama quente até os 9 meses, cando pasan a cubículo de compost. Para confeccionar o material que empregan para encamar, dispoñen dun separador sólido-líquido, que teñen previsto substituír para poñer outro que obtén algo máis de materia seca.

As xatas pasan de cama quente de palla a cubículo de compost

Aos 370-380 días colócanlles os colares de monitorización para a detección de celos e no momento da reprodución, as xatas atópanse xa en lotes de 100 animais en función da idade e o seu tamaño.

Nesta última fase realízanlles tamén os controis das enfermidades en seguemento nas ADSG (IBR, BVD, paratuberculose e neospora) coa intención de que retornen á granxa de orixe cun control sanitario equivalente ao do resto da cabana gandeira da explotación.

Véñennos facer saneamento cada dous meses, para que todas as xovencas volvan con el pasado ás súas explotacións

“Cando saen de aquí, ademais dun control de ADSG pasan tamén outro de saneamento, xa que teñen que ir negativas a IBR, BVD e paratuberculose. A neospora non, porque é unha enfermidade de seguemento, pero se sae algunha positiva falamos coa granxa de orixe para que decidan que facer con ese animal, se o reciben ou optan por sacrificalo. É un problema de orixe, xa que nós aquí non temos caninos”, aclara Juan.

Uso de seme sexado

Luis Díaz, realizando o control reprodutivo en Recría Castro

Luis realizando o control reprodutivo en Recría Castro

A escolla do touro para a inseminación das xovencas é a elección do propietario do animal, pero 9 de cada 10 doses empregadas son de seme sexado, o que permite aproveitar o maior potencial xenético e a maior fertilidade dos animais máis novos, redundando tamén nun crecemento exponencial da cabana gandeira das explotacións.

“O que lles pasa ás veces a algunhas explotacións é que ao empezar a traballar con nós vense enseguida desbordados polo número de xovencas que lles volven, polo que procuramos facer con eles unha previsión de necesidades de recría para axustarnos a elas poñendo máis carne por exemplo nas vacas adultas que teñen na casa para regular eses excedentes”, indica Juan.

Os colares garántennos que unha parte moi grande dos animais que miramos en primeiro diagnóstico estean preñados

Recría Castro dispón de colares para detectar os celos nas xatas, o que lles axuda tanto na detección como a afinar na ventá óptima de inseminación para obter mellores resultados. “A reprodución aquí está máis controlada, porque noutros lados faise a celo visto e é máis problemática. Os colares facilitan moito a labor de saber que animais están en celo e cal é o mellor momento para inseminalos. Garántennos que unha parte moi alta dos animais que miramos en primeiro diagnóstico estean preñados. É moi raro que haxa animais baleiros, iso axuda a que haxa moi poucos retrasos e que os animais que volven quecer e que ciclan se volvan inseminar de novo canto antes”, salienta Luis, que forma parte do equipo de veterinarios de reprodución de Seragro.

Todos os xoves acode ao centro para realizar o control reprodutivo. “Practicamente non sincronizamos nada, temos os colares para detección de celos e o 95% das vacas quedan preñadas dese xeito. Nas que quedan baleiras ou nas repetidoras é nas que se inician os protocolos convenientes, dependendo do animal”, explica.

Actualmente precisan unha media de 1,65 doses para preñar unha xovenca

“Hai diferenza de resultados entre o que conseguimos aquí e o que logramos noutras granxas, porque aquí xa se fai unha alimentación axeitada até os 12 meses para que as becerras teñan un crecemento bo e poidan chegar a inseminarse cun peso e un tamaño moito máis adecuado. O importante é conseguir que os animais estean á idade estipulada para inseminar co tamaño e o peso óptimos sen ter que esperarlles porque non teñen as condicións corporais adecuadas”, reitera.  

“Temos uns obxectivos mínimos que a xata ten que cumprir para inseminala: unha idade de 13,5 meses, pesar como mínimo 400 kg, medir cando menos 1,40 metros de altura á grupa. Se se cumpren eses tres requisitos insemínase e senón agárdase. Actualmente estamos entre 420 e 430 kg de media, dependendo da remesa de animais, e movémonos entre 1,49 e 1,51 metros de altura á grupa”, indica.

“Iso fai que non haxa retrasos e os animais saian de aquí cunha idade e un peso moi parexo sempre. Hai diferenzas, pero estas diferenzas veñen dadas moitas veces pola xenética que o animal trae de orixe ou por algún problema que puido ter nas primeiras semanas de vida”, explica.

Primeiro parto antes dos dous anos

Xovencas na última fase de estancia no centro, previa á volta ás explotacions de orixe dous meses antes do parto

Xovencas na última fase de estancia no centro, previa á volta ás explotacions de orixe dous meses antes do parto

As xovencas saen do centro de recría con 7 meses de preñadas, dous meses antes do parto, para que teñan tempo de aclimatarse ás explotacións das que proceden. “Por cuestións de benestar animal, tampouco poderían moverse no último mes de xestación”, aclara Juan.

O custo total de recría sitúase en torno aos 2.200 euros por animal

“O obxectivo principal que nos propoñemos é que as xovencas que saen das nosas instalacións e volven ás granxas de orixe cheguen a parto de media antes dos 24 meses, actualmente estamos en 23,5 meses, e que pasen cando marchan daquí do 80% do peso do que vai ser o animal adulto, o que serían 600 kg, cando actualmente estamos nunha media de 630 kg”, detalla. “Despois, aínda terían 2 meses máis para seguir medrando na casa para chegaren fortes á etapa crítica, que vai ser o parto, e o momento posterior da produción de leite”, di.

Unha xovenca forte, con boa xenética e que acada o primeiro parto en condicións idóneas é sinónimo de alta produción, lonxevidade e rendibilidade nunha explotación leiteira e tamén unha garantía para a continuidade na mellora do rabaño como nai de futuras xatas de recría.   

“Eu penso que habería demanda para outro centro destas características que dera servizo ás explotacións da Coruña e de Pontevedra”

Equipo habitual de traballo no centro de Recría Castro

Equipo habitual de traballo no centro de Recría Castro

Sete anos despois da posta en marcha do centro de recría dentro da Granxa Gayoso Castro, as súas instalacións atópanse practicamente ao 100% da súa capacidade, o que dá idea da alta demanda que existe para este tipo de servizo, ao que recurren cada vez máis explotacións leiteiras a medida que van medrando.

“Recibimos chamadas todas as semanas de novas granxas que queren entrar e moitas vense obrigadas a mandar a recría a Zaragoza e a Valencia. Eu penso que habería demanda para outro centro destas características en Galicia”, afirma o xerente de Recría Castro.

No que nós podemos marcar a diferenza a respecto doutros centros de recría a nivel español é na cercanía aos nosos clientes

A proximidade ás granxas de orixe marca neste caso a diferenza a respecto dos outros dous centros de recría importantes que existen a nivel español, o Rancho Las Nieves de Zaragoza e Cowvet en Valencia. “No que nós podemos marcar a diferenza é na cercanía aos nosos clientes, porque nós imos ás granxas e podemos asesoralos en como facer o manexo antes de que nos envíen a becerra”, destaca Juan.

“Temos todo tipo de clientes, os que nos mandan toda a recría a nós e os que fan eles unha parte na casa, a que lles colle a eles no establo vello, por exemplo, e nos mandan a nós o resto, e tamén os que mandan a diferentes centros de recría porque prefiren non poñer todos os ovos na mesma cesta”, asegura.   

A externalización da recría é unha práctica cada vez máis estendida a medida que as explotacións gañan tamaño

A externalización da recría é unha práctica cada vez máis estendida a medida que as explotacións van gañando tamaño, pero a lexislación actual, que limita a 850 UGM o tamaño máximo das explotacións de gando vacún, impide a ampliación das instalación de Castro, que busca poder acoller algún animal máis pola vía da restruturación dos espazos actuais. Estamos tentando reorganizar e acondicionar algunha zona para poder coller a algún cliente máis e ampliar a nosa capacidade até os 3.000 animais”, explica Juan.

“O ano pasado chegamos ao 100% de capacidade, aos 2.900 animais, pero pecharon varios clientes por cuestións de relevo xeracional e neste momento estamos a un 95% da capacidade total das instalacións, polo que neste momento aínda teriamos sitio para coller algunha explotación máis das que temos agora mesmo e entorno a 200 animais a maiores”, explica.

A normativa actual impide levar a cabo unha ampliación das instalacións

Sen embargo, os requisitos sanitarios esixidos son moitas veces unha barreira de entrada para moitas explotacións. “Moitas das granxas que nos chaman quedan fóra por temas sanitarios, ben porque tiveron algún caso de IBR, de BVD ou de paratuberculose”, recoñece.

Para poder comezar a mandar os seus animais ao centro, as explotacións teñen que levar cando menos 3 anos libres de IBR e BVD e 5 de paratuberculose. “Por seguridade nosa e do resto de granxas que nos confían a nós a súa recria, non podemos asumir o risco de meter aquí un animal que nun momento dado poida dar positivo”, asegura.

Gañar eficiencia por medio da tecnoloxía

Están a estudar a incorporación de básculas electrónicas e comedeiros intelixentes

Están a estudar a incorporación de básculas electrónicas e comedeiros intelixentes

Tras un concurso público no que resultou adxudicataria Seragro e despois dos primeiros anos de posta en marcha, o obxectivo actual é “reinvestir para converter Recría Castro nun centro pioneiro no que poidamos mesmo traballar en proxectos propios de I+D+i”, avanza Juan.

“Cada día tentamos poñer o listón máis alto en termos de eficiencia, é dicir, conseguir ter mellores animais gastando menos e utilizando menos recursos. A tecnoloxía pódenos axudar a iso, porque a granxa non dispuña de inicio de ningún tipo de tecnoloxía cando se fixeron as instalacións. Temos claro que investir niso porque tamén vai supoñer ter mellores animais con mellores rendementos”, defende.

Os datos dáchos a tecnoloxía, por iso temos que investir niso

De cara a mellorar os índices de conversión, o xerente de Recría Castro considera imprescindible manexar “datos fiables” e iso, asegura, “dáchos a tecnoloxía”. Por exemplo, di, “temos que aproveitar as posibilidades que ofrece o crotal electrónico a nivel de identificación individual, o que nos permite comezar a utilizar básculas electrónicas ou comedoiros electrónicos para medir o penso inxerido”.

Os novos crotais electrónicos, que xa teñen todas as xatas nadas a partir do pasado 1 de xullo, permiten tamén facer anotacións de tratamentos ou doutro tipo. “É moito máis fiable que unha mesma persoa lea o crotal, realice o tratamento e fama ela mesma a anotación que andar anotando nun papel para despois pasalo ao ordenador. Temos que automatizar no posible eses procesos”, asegura.

Actualización de tarifas cada dous anos

O custo diario de estancia dun animal no centro é un prezo público que é aprobado por parte da Deputación de Lugo e que se sitúa neste momento en 3,33 euros/animal/día. O prezo actualízase cada dous anos, o que xera en ocasións distorsións a respecto dos custos reais.

O prezo para as explotacións sitúase neste momento en 3,33 euros por animal e día de estancia

“Cando saltou a guerra de Ucraína e comezaron a medrar tanto os prezos dos cereais e as materias primas quedamos totalmente descubertos porque non puidemos trasladar eses incrementos de custos ao prezo que cobrabamos aos nosos clientes”, lembra. “A nosa marxe de manobra nese sentido é moi limitada”, engade.

Organización do traballo

RECRIA CASTRO Maria veterinaria revision becerras pequenasUn total de 13 persoas atenden o día a día do centro de Recría Castro, contando os 11 operarios máis Juan como xerente e María como veterinaria responsable da granxa. A maiores, apóianse no traballo doutro técnico externo, Luis, o veterinario de Seragro encargado da reprodución.

O groso do traballo semanal concentrase os martes, mércores e xoves (por exemplo, as pesadas, cambios de lote, destete e predeste teñen lugar os martes, as entradas de novos animais son os mércores e os controis reprodutivos e protocolos de vacinación os xoves) para poder liberar deste xeito de carga laboral a fin de semana, na que se fan dous turnos: a metade dos traballadores libran o venres e o sábado e a outra metade o domingo e o luns e a semana seguinte ao revés.

45 hectáreas a millo con regadío

Unha das naves, onde predomina o uso de madeira para o cerramento exterior

Unha das naves, onde predomina o uso de madeira para o cerramento exterior

Para alimentar aos animais que están no centro de recría, contan cunha base territorial de 160 hectáreas, nas que cultivan pradeiras para ensilaxe a base de raigrás inglés, raigrás italiano e mesturas de raigrás con trevos.  “Esta zona é moi encharcada e por iso non nos imos a mesturas de cereais con veza, porque as veces que as botamos non collemos nada. Preferimos asegurar un pouco máis a produción”, di Juan.

Con millo rotan cada ano entre 40 e 45 hectáreas. Todas elas contan con sistema de regadío, o que lles garante unha alta produción. O sistema de rega actualmente é por goteo. “Antes regábase con canón pero substituíuse por goteo, cun custo de 340 euros por hectárea, dos que 140 son fixos e os outros 200 son de tubería que hai que recoller e estirar todos os anos”, detalla Juan.

Grazas ao rego por goteo logran producións medias de 65 toneladas por hectárea

Grazas ao regadío e á calidade do solo nesta zona, a produtividade das terras que teñen adicadas a cultivo de millo é elevada e móvese entre 62 e 67 toneladas por hectárea. O ano pasado sen embargo baixou a 55, porque entraron tarde a botalo e tiveron que adiantar a recollida debido á chegada do mal tempo para non ter problemas despois para recollelo. Por iso, o rendemento baixou a 15 toneladas de materia seca por hectárea, cando o habitual é acadar as 21 toneladas de materia seca nun ano normal.

Este año tamén sementaron tarde, en concreto o día 6 de xuño, cando normalmente sementaban do 10 ao 15 de maio. Iso obrigounos a baixar o ciclo. “Antes sementabamos un 300 longo e este ano tivemos que botar un 200 longo e aínda así non completou o ciclo”, explica Juan.  

Para a realización dos traballos agrícolas, contratan a unha empresa de servizos, xa que en canto a maquinaria propia unicamente dispoñen dun tractor, un carro mesturador, varias palas telescópicas e un esparcidor de esterco.

Entre os proxectos de futuro está tamén a posta en marcha da planta de biogás coa que xa conta o centro

O purín e esterco que producen os 2.600 animais que están no centro de recría xestiónano nas 160 hectáreas de superficie agraria das que dispoñen no entorno das instalacións, o que lles permite distribuír o xurro mediante un sistema umbilical no que se conecta o pozo cos aplicadores que van no tractor mediante unha mangueira especial.

Outro dos proxectos que queren levar a cabo e que precisa da autorización da Deputación é a posta en marcha da planta de biogás coa que conta o centro e que está nestes momentos parada. A súa posta en funcionamento permitiría aproveitar o poder enerxético do purín que producen e, ao mesmo tempo, darlle un tratamento axeitado que mellorase o seu poder fertilizante.  

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información