A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, puxo este martes de manifesto a aposta da Xunta por reforzar as competencias da Axencia da Industria Forestal de Galicia (Xera) en materia de I+D, para dar valor engadido ao sector e mellorar a calidade da madeira.
Lorenzana visitou o Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira (CIS-Madeira), un dos dous centros de investigación cos que conta a Axencia Galega da Industria Forestal xunto co Centro de Investigacións Forestais de Lourizán, que recentemente se acaba de incorporar á estrutura da Xera buscando coordinar desde aí o labor de investigación e innovación que vén facendo en Galicia a cadea forestal-madeira.
O CIS Madeira leva case 30 anos prestando servizos de apoio a toda a cadea monte-industria. Destacan, por exemplo, os traballos que vén realizando para a valorización de frondosas; a preservación do patrimonio histórico en madeira; o fomento das aldeas modelo e as comunidades enerxéticas baseadas na biomasa; a investigación sobre a resiliencia dos bosques ao cambio climático; ou no eido da economía circular, en cooperación co Centro de Excelencia en Economía Circular do Norte da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
XERA tamén contará cunha Área de Información Forestal
Sobre a nova estrutura da Xera, Lorenzana tamén destacou que “vai contar cunha Área de Información Forestal, que é a encargada de facer os labores estatísticos e de información necesarios para a toma de decisións; e, tamén, responsable da posta en marcha do mercado voluntario de créditos de carbono que recolle a futura Lei de Recursos Naturais de Galicia”.
Neste contexto, referiuse ao novo Inventario Forestal Continuo que elabora cada ano a Universidade de Santiago e a Universidade de Vigo en colaboración coa Xunta de Galicia. “Sabemos que os piñeiros e as frondosas duplican a superficie de eucaliptos, e algo importante é que hai suficientes recursos en Galicia para uso industrial”, dixo ao respecto.
Ademais, tamén sinalou que este estudo ratifica a necesidade de seguir traballando para pechar en Galicia o ciclo da cadea de valor ligado á transformación da madeira, un dos obxectivos nos que vai afondar o plan director que a Xunta está elaborando para o sector forestal. “É a liña na que queremos continuar: intensificando a investigación e mellorando, polo tanto, a calidade do noso produto, da madeira, e pechando o ciclo produtivo”, concluíu a conselleira, agradecendo ao persoal do CIS-Madeira o traballo que leva realizando ao longo destes anos.