Avisos fitosanitarios en viñedo e pataca

As condicións meteorolóxicas son pouco propicias para o desenvolvemento do mildeu, se ben cómpre manter a vixilancia, segundo os boletíns de recomendacións de Areeiro e de Meteogalicia

Publicidade
Publicidade
Avisos fitosanitarios en viñedo e pataca

Viñedo afectado por estrés hídrico. / Imaxe: Areeiro.

As choivas do xoves 4 de agosto foron escasas e non se espera que incrementen o risco de mildeu nos viñedos das distintas denominacións de orixe, segundo os boletíns de avisos da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, e de Meteogalicia. Hai que ter en conta, ademais, que o envero está próximo, intre no que o racimo deixa de ser sensible á enfermidade.

De todos os xeitos, poderían aparecer novos síntomas en viñedos non protexidos por ningún tratamento ou naqueles nos que non se controlaran de xeito efectivo anteriores problemas. En fincas afectadas previamente, por tanto, Areeiro considera convinte aplicar un último tratamento, sobre todo se se perciben síntomas xeralizados.

En caso de aplicacións recentes de funxicidas, a Estación valora que as escasas chuvias non os lavaron, polo que non serán precisos novos tratamentos.

Estrés hídrico

Tampouco se están a detectar síntomas significativos de oídio nin de botrite. Así as cousas, un dos principais problemas que se rexistra nos viñedos é o estrés hídrico, que pode reducir a produción e retrasar a maduración.

O estrés hídrico está a agravar as enfermidades da madeira. Aconséllase marcar ata onde chega o problema

A maiores, o estrés hídrico está a agravar as enfermidades da madeira. Como é habitual na fase previa á maduración dos acios, están a detectarse problemas ligados á esca. De súpeto, as cepas comezan a secar, comezando de adiante cara atrás, desde as partes máis afastadas do tronco.

En caso de enfermidades da madeira, o boletín de Meteogalicia recomenda marcar ata onde chega á zona afectada, poñendo a marca un pouco máis atrás, co obxectivo de sanear a cepa no intre da poda. As partes afectadas que se retiren haberá que queimalas, a fin de evitar a expansión do problema.

Esfollado e despuntado
Outro dos traballos a facer estos días, caso de que non se teña acometido xa, é o esfollado e despuntado do viñedo. Co esfollado búscase favorecer a insolación dos acios, o que redundará na súa maduración. Co despuntado frearemos o crecemento vexetativo, o que dirixirá os produtos da fotosíntese cara os acios, en lugar de cara as puntas en crecemento.

En Pontevedra, Areeiro está a detectar problemas de ácaros nalgunhas parcelas, se ben non se recomenda o tratamento salvo unha infestación masiva (máis do 30% de cepas con problemas), pois cos insecticidas tamén se eliminan ós acaros fitoseidos que controlan a praga de xeito natural.

Pataca

Nas distintas subzonas da IXP Pataca de Galicia non se observan infeccións de mildeu nin hai previsións de que poida habelas, pois non se dan as condicións meteorolóxicas favorables. Con todo, nas parcelas que teñan rega si que hai que manter unha especial vixilancia, pois si se poderían dar as condicións para a aparición do fungo.

En pataca non se observan problemas de mildeu, se ben convén manter protexidas as parcelas que estean con rega

Nos casos de rega, o boletín de Meteogalicia recomenda manter o cultivo protexido con aplicacións cada 15 días. En parcelas sen rega, as aplicacións poden espaciarse máis tempo, dependendo das condicións meteorolóxicas.

En canto ó escaravello, en caso de infeccións haberá que aplicar un insecticida. Na Limia, onde xa se está a recoller o cereal, hai que ter tino tamén nas parcelas de pataca próximas, pois podería haber entradas de pulgón.

Maceiras

A Estación Fitopatolóxica do Areeiro detecta en toda a provincia de Pontevedra altas poboacións de carpocapsa, causante do agusanado da mazá.

En canto ó moteado, non se están a rexistrar problemas, se ben as últimas chuvias si poderían favorecer a aparición de síntomas. En caso de aplicar un funxicida, haberá que ter moi en conta os prazos de seguridade antes da recollida da froita.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información