Aviso fitosanitario de Areeiro para viñedo

Coa chegada da floración, detectáronse as primeiras manchas de mildio e tamén de black rot, polo que piden extremar a vixilancia para controlar as enfermidades

Publicidade
Aviso fitosanitario de Areeiro para viñedo

Viñedo con síntomas controlados. / Foto: Areeiro.

A Estación Fitopatolóxica Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, lanza novos avisos ante as situacións observadas nas súas parcelas de seguimento e outras visitadas ao azar. En detalle, os avisos céntranse no viñedo ante a observación en todas as zonas dos primeiros acios de albariño coa floración iniciándose.

A primavera adoita ser unha estación con climatoloxía variable, e esta de 2026 está a selo, aínda que con predominio da inestabilidade. Estas condicións frías contribuíron a que o número de esporangios de Plasmopara vitícola nos captadores siga sendo reducido. En relación ao mildio, na viña de Areeiro, toda de albariño, non apreciaron a primeira mancha, pero hai que lembrar que esta viña non ten outras ao redor, atópase rodeada de carballos con outras frondosas e de terreo raso. Dos demais predios, todos salvo un con poucas manchas de aceite, parte deles posuían as manchas ben controladas e os acios non presentaban síntomas de infección.

Con todo, no Salnés, atoparon algún acio afectado e coa frutificación do fungo, o que coincide con información que lles achegaron o domingo 3 de maio algunhas persoas.

Ante o escenario de inestabilidade, con temperaturas mínimas que parece que se manterán baixas en xeral para a época e mesturando días de bo tempo con outros de choiva, a recomendación da Estación é vixilancia constante. Así, poderase detectar se aparecen síntomas e se os que hai evolucionan adecuadamente.

Tampouco recomendan traballar a terra, xa que se poden producir danos nas raíces e tamén a nivel do terreo seguen as esporas dos anos anteriores que poden ser proxectadas para as viñas.

En canto ao black rot, desde Areeiro indican que na comarca do Condado e outras, notaron un incremento na presenza de manchas desta enfermidade nas follas. De cumprirse a previsión meteorolóxica e seguir con choivas, é probable que se incremente a dispersión das esporas que dean lugar a novos órganos afectados.

Tamén lembran prestar atención á parte de atrás das follas para comprobar o posible nacemento das primeiras ninfas de Scaphoideus titanus, o vector da flavescencia dourada, momento que, polos datos doutros anos, está próximo a iniciarse.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información