Aviso fitosanitario de Areeiro do 7 de agosto

Publicidade
Aviso fitosanitario de Areeiro do 7 de agosto

Oídio en acios que non acadaron o pleno pintado. / Imaxe: Areeiro.

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, publicou hoxe o seu aviso fitosanitario semanal, no que constata a continuidade do bo desenvolvemento dos viñedos de Rías Baixas. O tempo solleiro probablemente leve a anticipar a vendima, polo que unha parte das adegas xa están fixando datas límites para os tratamentos. En calquera caso, haberá que usar produtos cun prazo de seguridade inferior á data de vendima prevista.

Logo dunha primavera dura, o verán está sendo apacible para os viñedos, pois as altas temperaturas e a ausencia de choivas son pouco propicias para a maioría das enfermidades fúnxicas. No tocante o mildio, Areeiro detectou a presenza de novas manchas, favorecidas pola humidade foliar das noites, pero preséntanse en escaso número e aínda que chovese nos próximos días, non se espera un aumento de manchas que xere incidencias, sobre todo tendo en conta que os acios en maduración xa non se verán afectados.

Tampouco se detectan problemas de black-rot e se non chove, tampouco é esperable a botrite. Se houbese precipitacións, si que haberá que estar atentos á botrite, sobre todo nas variedades máis sensibles ou naqueles viñedos xa afectados por oídio.

En canto ó oídio, nas viñas que tiñan presenza do fungo, os grans que non están en pleno pintado continúan tendo infeccións do patónexo e tamén hai viñas con forte afectación. Igual que no mildio, o oídio non pode danar ós acios en maduración, pero nas viñas máis afectadas, convén eliminar aqueles acios máis danados.

A parte negativa do tempo solleiro é que o estrés hídrico derivou en plantas que presentan síntomas das enfermidades da madeira e golpes de sol nos acios ou síntomas de seca, con follas envellecidas de xeito prematuro.

Maceiras e nogueiras
Nas maceiras, xa é bo momento para colocar bandas de cartón ondulado arredor do tronco, co fin de previr o agusanado das mazás a próxima campaña. Non se deben retirar antes de outubro.

En canto ás nogueiras, está xa a haber capturas nas trampas do insecto ‘Ragoletis completa’, típico da casca verde da noz. Os seus ataques temperás poden facer caer os froitos ou diminuír a súa calidade. É importante retirar os froitos que caian para evitar que as larvas se enterren e dean lugar a novos adultos. De ter ataques importantes, en España xa se comercializan trampas de feromonas para a súa captura.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información