
Videira afectada pola Flavescencia Dourada
A Consellería do Medio Rural publicou o aviso fitosanitario, por mor do inicio dos tratamentos para combater o Scaphoideus Titanus, un insecto vector da flavescencia dourada da vide. Con isto, a Xunta de Galicia lembra a obriga de aplicar tratamentos fitosanitarios autorizados contra este organismo nocivo para os cultivos vinícolas.
Dende o mes de maio, a Consellería do Medio Rural está realizando un seguimento da evolución deste insecto, no marco do Plan de control e erradicación desta enfermidade en Galicia. Na actualidade, as ninfas atópanse no seu estado máis avanzado de desenvolvemento, polo que se considera o momento máis axeitado para a aplicación dos tratamentos insecticidas. Nesta liña, establécese o inicio dos tratamentos fitosanitarios, que son obrigatorios na zona demarcada e recomendados nas zonas vitícolas limítrofes, co obxectivo de reducir a poboación do vector e evitar a súa dispersión.
Na páxina web da Consellería pode consultarse a relación de materias activas e formulados autorizados para estes tratamentos fitosanitarios, así como as parroquias incluídas na zona tampón, nas que tamén é obrigatorio o tratamento. Realizaranse un total de tres aplicacións; a primeira entre o 19 e o 26 de xuño; a segunda 15 días tras a primeira; e a terceira un mes despois da segunda aplicación. Os tratamentos deberán realizarse en función das condicións climatolóxicas e respectando as indicacións de uso recollidas na ficha de rexistro dos produtos, especialmente no relativo aos intervalos de seguridade e ao número máximo de aplicacións autorizadas.
Normativa de aplicación
O 2 de febreiro de 2023 publicouse a resolución pola que se declarou a presenza da flavescencia dourada en Galicia, na que se definiu a zona demarcada e se estableceron as medidas urxentes para a súa erradicación e control. Posteriormente, en novembro do mesmo ano, ampliouse a zona demarcada e fixáronse as medidas obrigatorias.
O 30 de abril de 2025 publicouse o Decreto 29/2025, do 7 de abril, polo que se cualifica de utilidade pública a erradicación do organismo de corentena da flavescencia dourada da vide (Grapevine flavescence dorée phytoplasma) en Galicia e se establecen as medidas para evitar a súa propagación.
As zonas demarcadas fóronse ampliando progresivamente nos últimos anos. A última ampliación publicouse o 8 de xuño de 2026, mediante a Resolución do 25 de maio de 2026, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se amplían as zonas demarcadas da praga de corentena da flavescencia dourada da vide e se manteñen as medidas urxentes para a súa erradicación e control.
Galego









Control OJD