A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, publicou este xoves o seu aviso fitosanitario, no que fai unha análise actualizada da evolución dos viñedos na provincia e da situación dos principais patóxenos que afectan ao cultivo da vide. Velaquí a información
Estado fenolóxico: K (73- 75 a 77)
Segundo as parcelas que revisaron estes pasados días os técnicos da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, a fenoloxía da viña presenta un lixeiro adianto fronte ao ano pasado. “Ademais, as previsións de tempo cálido para as próximas xornadas favorecerán, xunto coa humidade destes días, un maior incremento no tamaño da uva”, avanzan.
Mildio:
Estes días pasados as condicóns foron favorables para o desenvolvemento do mildio, especialmente pola humidade relativa elevada, polo que o fungo seguiu avanzando nas viñas abandonadas e naquelas nas que non se logrou un bo control das infeccións cos tratamentos aplicados, manchas nos crecementos e acios afectados en boa parte da súa superficie.
“En todo o caso –matizan- , quizais a situación máis xeral que observamos esta semana foi a presenza dalgunha mancha nova con frutificación e de acios dispersos con menos do 15% de superficie afectada pola enfermidade nos que volvía haber frutificación”.
Despois desta fin de semana as diferentes axencias meteorolóxicas anuncian ausencia de choivas e temperaturas elevadas, mesmo na contorna de 30ºC, pero tamén temperaturas ben altas durante as noites (15 a 19ºC), co que haberá que estar moi pendentes aos orballos e néboas locais.
Nesta situación, os técnicos da Estación Fitopatolóxica de Areeiro aconsellan facer un novo tratamento e os que aínda non o fixeran, deben ir comprobar o estado das súas viñas, “especialmente se estaban no límite da protección do tratamento anterior e se tiñan danos previos, pois probablemente teñan novos síntomas”.
Oídio:
A subida de temperaturas que se anuncia favorecerá o desenvolvemento deste fungo, que esta semana xa o atoparon en moitas das viñas que visitaron na provincia de Pontevedra, afectando a un número significativo de acios, “aínda que en xeral con escasa incidencia de momento”.
Por este motivo, os técnicos aconsellan realziar aplicación conxunta fronte a mildio e oídio se deben renovar os tratamentos, pois é moi complicado frear a este fungo unha vez avanza a infección.
Black-rot e botrite
No caso destas dúas enfermidades os técnicos da Estación Fitopatolóxica de Areeiro non detectaron síntomas nas viñas que visitaron e o tempo seco que se
prevé non será favorable ao seu desenvolvemento.
Por último, advirten de que a esfolla debe realizarse con moderación, pois xa detectaron os primeiros acios esporádicos con signos de golpe de
sol.