O Consello da Xunta avaliou esta mañá a declaración como Proxecto Industrial Estratéxico (PIE) da construción dun centro industrial de incubación de ovos en Friol, impulsado pola firma Avícola de Galicia SAU (Avigal). As novas instalacións suporán un investimento superior aos 28 millóns de euros e a creación de máis dunha trintena de postos de traballo entre directos e indirectos. A súa entrada en funcionamento está prevista para o vindeiro ano.
O centro de Friol, deseñado para operar como unha “planta piloto” de alta tecnoloxía, ocupará unha superficie de 12.605 metros cadrados e terá capacidade para producir máis de 62 millóns de pitos ao ano (1,5 millóns de ovos á semana), que, logo de nacer e tras o proceso de incubación, serán trasladados fóra da planta para continuaren coa cadea de produción.
A explotación tamén contará cunha estación depuradora de augas residuais. As futuras instalacións incorporan solucións tecnolóxicas avanzadas en materia de dixitalización, bioseguridade e un sistema de automatización, que inclúe robótica para a xestión de bandexas e o despregamento de vehículos autónomos para o movemento de carros.
A incorporación destas solucións innovadoras favorece a eficiencia dos procesos produtivos e reforza a capacidade tecnolóxica do sector avícola galego, ao tempo que se facilita a adaptación aos novos estándares de competitividade e sustentabilidade.
Bioseguridade 4.0
A planta de Friol integra tamén a bioseguridade 4.0 para minimizar os riscos de infección mediante fluxos de traballo estritamente unidireccionais e un sistema de presión positiva do aire que neutraliza os riscos de contaminación cruzada e eleva o estándar sanitario a niveis de biotecnoloxía.
Avigal é unha empresa asentada na localidade pontevedresa de Campañó, que pertence ao Grupo Vall Companys, a primeira industria agroalimentaria española. Desde a década dos 60, dedícase á explotación e comercialización de granxas agrícolas e gandeiras, e as súas principais actividades son a crianza de pito de engorda e a explotación dun matadoiro avícola para a venda de produto fresco e conxelado, o seu despezamento e derivados. En coordinación co Grupo Sada, empresa tamén do Grupo Vall Companys, xestiona unha rede de 218 explotacións de engorda localizadas en diversos lugares de Galicia.
Para o desenvolvemento da súa actividade, tanto Avigal como o Grupo Sada manteñen contratos de integración con 218 explotacións de engorda de pito, todas elas situadas na Comunidade galega.
O proxecto para construír o centro industrial de incubación de ovos en Friol forma parte dunha iniciativa máis ampla que prevé desenvolver Avícola de Galicia na nosa comunidade e na que está proxectado un investimento de 40 millóns de euros. Este desembolso permitirá integrar a produción de ovo fértil e pechar o ciclo produtivo en Galicia, ademais de garantir unha autonomía operativa absoluta.
Galego









Control OJD