Avicultura e leite de vaca: as producións ecolóxicas con máis saída comercial en Galicia

O CRAEGA prevé que as ganderías de vacún de leite en ecolóxico se dupliquen ao finalizar este 2016. Así se puxo de manifesto este mércores no XII Congreso da Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica (SEAE), que se celebra estes días en Lugo

Avicultura e leite de vaca: as producións ecolóxicas con máis saída comercial en Galicia

Inauguración do Congreso da SEAE

A avicultura de carne e a orientada á produción de ovos son, xunto co leite de vaca, as producións en ecolóxico con máis saída comercial nestes momentos en Galicia, ao contar con canles de transformación e de distribución establecidas e dirixidas á exportación fóra da comunidade.

Así se puxo de manifesto este mércores no XII Congreso da Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica (SEAE), que se celebra estes días en Lugo, e que nesta edición está dedicado ás leguminosas, coincidindo co ano internacional deste cultivo establecido pola ONU.

Nunha mesa redonda sobre “Gandería ecolóxica en Galicia e alternativas agroecolóxicas de futuro”, Ernesto Sánchez, director técnico do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) asegurou que “a finais deste ano confiamos en duplicar o número de ganderías de vacún de leite en ecolóxico que había en 2015”.

“Isto foi posible fundamentalmente porque a comercialización está garantida”, segundo destacou o representante do Craega, grazas á aposta de Lactalis e de Leche Celta polo leite ecolóxico.

Importantes crecementos para a avicultura ecolóxica

Outra das ganderías en ecolóxico que está a experimentar un bo comportamento e con mellores perspectivas de futuro é a avicultura de carne e de posta.

“As empresas comercializadoras infórmannos de que habería capacidade para colocar no mercado ata un 60% máis de polo e de ovos ecolóxicos, porque os demandan os consumidores”, destacou Ernesto Sánchez. O principal obstáculo: a falta de ordenación do territorio e de redimensionamiento das parcelas, un problema recorrente que lastra a competitividade do sector agrario galego. “Para unha granxa de polos ou de galiñas en ecolóxico necesítase bastante superficie, entre 3 e 4 hectáreas xuntas, para que as aves poidan estar ao aire libre, segundo o que marca a lexislación, e en Galicia atopar esas parcelas non sempre é fácil”, recoñeceu o representante do Craega.

En canto á produción de ovos en ecolóxico, Ernesto Sánchez destacou como exemplo do crecemento deste sector que “se no ano 2009 a media de galiñas por granxa en Galicia era de 1.000, nestes momentos xa estamos a falar dunha media de 4.000 galiñas”. Ademais, destacou que “hai varios operadores que están a buscar máis granxas para integralas porque hai posibilidades reais de comercialización dos seus produtos, cunhas perspectivas de crecementos significativos nos próximos anos”.

En canto ao vacún de carne, Ernesto Sánchez situou como a principal tarefa pendente “a de mellorar a comercialización, actualmente moi atomizada, polo que hai que concentrar a oferta para poder abastecer ao mercado”. Ademais, lembrou a necesidade de avanzar para poder comercializar Ternera Gallega de produción ecolóxica.

Como conclusión final, o representante do Craega, situou como unha das principais debilidades da gandería ecolóxica en Galicia “as dificultades de comercialización, que veñen dadas pola falta dunha industria e de actividade comercial”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información