Avanzan os traballos de construción de novas captacións de auga para o regadío da Limia

Prevese que no mes de febreiro estean rematados os 40 pozos de sondaxe previstos, cun orzamento de 16 millóns de euros

Publicidade

cereal_enchargado_limiaA Xunta segue traballando na mellora e modernización do regadío da Limia, coa perforación dos 40 novos pozos que completarán así a rede de captacións desta bisbarra ourensá. Prevese que a finais de febreiro estean os 40 pozos aforados, é dicir, co caudal exacto determinado para cada un deles. Desta maneira, obterase o caudal exacto de cada pozo, o que resulta fundamental para deseñar a futura rede de regadíos.

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, supervisou este venres as obras de tres dos pozos e avanzou que o orzamento total que se vai investir neles ascende a case 6 millóns de euros, contando as actuacións de bombeo e electrificación dos pozos.

Están a traballar na zona dúas perforadoras, que nos vindeiros días completarán as obras nos tres primeiros pozos

Dos tres pozos que hoxe supervisou o conselleiro, un deles xa está finalizado, outro está en perforación e, no terceiro, están a comezar cos traballos relativos ao ensaio dos bombeos e o seu control hidrolóxico para o correcto dimensionamento dos grupos de bombeo. 

Na actualidade traballan na zona dúas perforadoras con equipos completos e prevese rematar a perforación dos pozos nestes días. Paralelamente, estanse a realizar os traballos de acondicionamento dos terreos onde se emprazan.

Convenio entre o Goberno central e autonómico

Ademais, o titular de Medio Rural lembrou que estas obras foron necesarias para a sinatura do convenio entre o Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, SEIASA  e as catro comunidades de regantes beneficiarias (a de San Salvador de Sabucedo, no concello da Porqueira; a de Lamas Ganade e a de Alta Limia, no municipio de Xinzo de Limia; e a de Corno do Monte, que afecta aos concellos de Xinzo de Limia e Trasmiras) para a construción e explotación das obras do Proxecto de mellora para o aproveitamento en regadío das 40 captacións de augas subterráneas – A Limia 2022. Dito proxecto conta cun orzamento de 16 millóns de euros, advertiu, dos cales o 80% será financiado polo Ministerio e o 20% restante polas comunidades de regantes.

O Ministerio financia o 80% do custo e as 4 comunidades de regantes o 20%

Por último, o conselleiro de Medio Rural e a directora xeral aproveitaron para visitar as instalacións da oficina de información do regadío da Limia, situada no Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde). A través desta oficina, infórmase a todos os interesados sobre os avances na mellora e modernización do regadío e nas prácticas para lograr un mellor e máis efectivo aproveitamento dos recursos. 

16 millóns de euros para a limpeza das canles de rega

José González puxo en valor os 39 millóns de euros que se investirán entre a Xunta e o Goberno central na potenciación do sector agrario da Limia, unha das comarcas con maior produción agraria de Galicia, tanto en produtos agrícolas como gandeiros. 

Así mesmo, o titular de Medio Rural referiuse tamén aos outros 16 millóns de euros que o Ministerio ten acordado para a limpeza das canles da Limia, co fin de mellorar a xestión dos subprodutos gandeiros e das augas e adecuar as prácticas agrogandeiras nesta bisbarra ourensá.

Melloraranse 21 quilómetros de camiños rurais pertencentes á rede viaria dos 12 concellos que conforman a comarca

A este montante, subliñou o conselleiro, súmase un millón de euros máis de fondos propios da Xunta en colaboración coa Deputación de Ourense para a reparación de camiños desta bisbarra. Neste senso, entre os anos 2021 e 2023 vaise actuar en máis de 21 quilómetros de camiños rurais pertencentes a 12 concellos que integran a rede viaria desta comarca.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información